O Psdeg-soe de Ourense avanza o seu apoio para sacar adiante o PEPOU e apela á “valentía” do pp fronte ao boicot de jácome para o seu desbloqueo este ano

Reivindican “o inmenso labor” dos técnicos na redacción do plan e adiantan que presentarán as súas achegas ao documento base, que se debaterá na comisión de seguimento do vindeiro 2 de setembro

Condenan a “política de destrución da oficina do PERI” por parte de Jácome e instan ao PP a “revitalizar” este servizo para acadar “axudas históricas” como están a facer outras cidades galegas

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE avanza o seu apoio para sacar adiante o Plan Especial das Burgas (PEPOU) despois de case tres décadas dende a aprobación da última normativa, ao tempo que apela á “valentía” do Partido Popular fronte ao o “boicot permanente” de Jácome para o seu “urxente desbloqueo” no presente ano.

Ás portas da comisión de seguimento do vindeiro día 2 de setembro, que reactivará o debate sobre a aprobación da normativa, os socialistas reivindican “o inmenso labor” dos técnicos municipais na redacción do plan e adiantan que presentarán as súas achegas ao documento base, en consonancia coas liñas estratéxicas que veñen defendendo dende o inicio do mandato.

“Rexeitamos calquera posible edificación na parcela do Xardín das Burgas, consideramos que hai que tomar unha decisión definitiva en canto á localización do novo Hotel Balneario e cómpre un compromiso firme para desenvolver as seguintes fases da rehabilitación da praza de abastos, número 1, e da súa contorna, así como conectar todo o conxunto histórico co paseo fluvial do río Barbaña e co complexo cultural de San Francisco”, sinalan dende o grupo municipal socialista.  

Así as cousas, os socialistas defenden que a cidade está “nun momento clave para o desbloqueo da normativa e a reactivación destas iniciativas” que consideran “fundamentais para o futuro urbano, termal e turístico do centro neurálxico da cidade e que levan anos paralizadas polo desgoberno de PP e DO”.

Revitalización da oficina do PERI

“O mellor exemplo dese bloqueo está na zona das Burgas, abandonada dende hai anos pola vella política urbanística do Partido Popular, unha mala praxe que debemos superar e loitar xuntos para evitar que o desleixo de Jácome siga convertendo o corazón da cidade nun deserto desolado”, sinalou a concelleira Natalia González, quen aproveitou para denunciar a “política de destrución da oficina do PERI” por parte do alcalde.

“Levamos meses falando de políticas de vivenda, fondos europeos, rexeneración urbana e de oportunidades para esta cidade, mais nada se fixo polo desinterese de Jácome e esa xenreira que ten cara á oficina de rehabilitación, cando é unha peza esencial para conseguir ese desenvolvemento”.

Por este motivo, os socialistas avanzan que instarán ao PP á creación da Unidade Administrativa na oficina do PERI antes do remate de 2021 para a xestión de proxectos e subvencións dependentes doutras administracións en materia de vivenda e rehabilitación urbana.

Entre as accións que os socialistas propoñen acometer dende esta nova unidade estarían a adhesión urxente ao Plan Rexurbe da Xunta de Galicia, a xestión áxil das axudas incluídas nas convocatorias para a rehabilitación das ARRUS nos barrios da cidade, a redacción dos plans de reactivación do Casco Histórico –entre eles, o destinado ao acceso á vivenda para a xente nova, aprobado en pleno a iniciativa dos socialistas–, ou a redacción e presentación de todos aqueles proxectos susceptibles de seren incluídos e financiados con fondos Next Generation.

“Hai que revitalizar a oficina do PERI e poñela en valor para xestionar non só o Plan Especial das Burgas, senón tamén as subvencións das áreas de rehabilitación da cidade e conseguir que eses proxectos poidan optar á financiación dos fondos europeos”, defendeu González, quen remarcou que “Ourense está en posición de acadar axudas históricas de máis de 20 millóns de euros”, como están a facer outras cidades españolas.