O Psdeg-Psoe advirte que a construción dun rocódromo “ten que debaterse no consello municipal de deportes e contar co consenso de todas as forzas políticas”

Os socialistas instan ao PP a pronunciarse sobre a proposta do alcalde de adquirir o Bamio e lembran que os populares sempre estiveron en contra desta operación, que chegaron a cualificar de “pelotazo”

Publicidade

Instan ao Concello a escoitar as demandas dos escaladores no canto de proceder de xeito “unilateral e caprichoso” sen coñecer cales son as necesidades das persoas usuarias deste tipo de instalacións

O PSdeG-PSOE advirte que a construción dun rocódromo por parte do Concello de Ourense é un asunto que “debe debaterse no Consello Municipal de Deportes e contar co consenso de todas as forzas políticas, escoitando tamén as achegas do colectivo de escaladores para que a infraestrutura resultante estea deseñada en función das necesidades reais dos usuarios e non á imaxe e semellanza do alcalde”.

Neste sentido, e despois de manter un encontro cos escaladores, os socialistas aseguran que a cidade precisa un rocódromo amateur no canto dunha instalación “cuasiolímpica” polo auxe que está a experimentar a formación nesta disciplina e a carencia de espazos para o seu aprendizaxe. Así mesmo, lamentan que os escaladores ourensáns “tiveran que enterarse pola prensa das intencións do alcalde”, posto que “non tivo nin a humildade de falar cos usuarios e consensuar a proposta, nun xeito de proceder unilateral, caprichoso e interesado ao que xa nos ten afeitos Jácome”.

A respecto da adquisición das instalacións do Bamio, os socialistas lembran que o pleno municipal xa rexeitou dúas veces –a primeira no ano 2018 e a segunda no 2020– a iniciativa de Democracia Ourensana, malia o cal en xuño de 2020 Jácome anunciou publicamente que iniciaba os trámites para a compra do complexo deportivo co fin de incorporalo á dotación de espazos deportivos da cidade.

“O PP sempre estivo en contra desta operación, que Jesús Vázquez chegou a cualificar de ‘pelotazo’, subliñan dende o grupo socialista, polo que instan aos agora socios de goberno de Gonzalo Pérez Jácome a “pronunciarse alto e claro sobre que opinión lles merece a insistencia do alcalde en adquirir o Bamio e construír alí un muro de escalada de 10 metros de altura”.

Dende o grupo socialista pregúntanse “cales serán os intereses do alcalde-empresario Jácome para empeñarse na adquisición dun complexo deportivo cuxa compra e reconstrución superaría os catro millóns de euros para as arcas municipais e cuxa viabilidade económica está en entredito”.

Así as cousas, os socialistas defenden unha vez máis a necesidade de novas dotacións deportivas na cidade para todo tipo de disciplinas deportivas, ademais da posta en valor e reparación das existentes, “sempre e cando poidamos garantir que as podemos manter e que non acaban sumidas no abandono”.