A Xunta ensalza o traballo dos grupos de Protección Civil de Cortegada e Castrelo de Miño

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá a Castrelo de Miño para manter un encontro cos responsables das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil deste concello e dos voluntarios de Cortegada ao que asistiron tamén ámbolos dous alcaldes, Avelino Pazos e Avelino Luís de Francisco.

O delegado territorial informounos da Orde de cesión de material de emerxencias para concellos de menos de 50.000 habitantes que contan con AVPC, e que saíu publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 23 de xullo, pola que os  concellos da provincia de Ourense poderán solicitar cinco liñas de axuda para a cesión de material. A liña 1, con 19 vehículos todo terreo pick-up; a liña 2 ,  con 6 remolques para a atención as emerxencias; a liña 3, con 26 tendas de campaña para emerxencias; a liña 4, con 8 coitelas quitaneves e a liña 5. con 8 esparexedores de sal

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén tamén destacou a concesión, ao amparo da Orde de subvencións de funcionamento para apoiar economicamente  ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil neste ano de 1.299,33 euros a Castrelo de Miño, e de 2.810,91 euros a Cortegada. Dende 2015, ámbalas dúas agrupacións percibiron preto de 25.000 euros para os gastos relacionados co seu funcionamento.

As AVPC de Castrelo de Miño e Cortegada contan na actualidade con máis de 50 voluntarios que atenden os operativos municipais, entre eles a cobertura das distintas probas náuticas que se celebran no encoro de Castrelo de Miño, ou o campionato galego de esquí acuático que se desenvolve no concello de Cortegada. Tamén colaboran solidariamente con operativos de protección civil que realizan fora dos seus concellos.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior xunto a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) cederon a estas AVPC nos últimos anos 2 vehículos todo terreo pick up, 2 remolques de emerxencias, 1 embarcación grande, 1 esparellador de sal, 2 desfibriladores e material para a extinción e control da velutina, que suman un investimento total de 131.363,52 €.

O representante do Goberno galego destacou o traballo que levan a cabo as agrupacións como reforzo dos servizos de emerxencias, especialmente en actividades de prevención, si ben en moitas ocasións son as primeiras en chegar e intervir, prestando unha inestimable colaboración.

Gabriel Alén resaltou os operativos desenvolvidos pos estes voluntarios na loita contra a Covid 19, onde as agrupacións da provincia levaron a cabo numerosos operativos, reparto de alimentos en colaboracións con asuntos sociais, desinfección de lugares de pública concorrencia, axuda e compras a persoas dependentes ou reparto de medicamentos. “Un labor altruísta dos voluntarios, que contribúen a ofrecer un mellor servizo aos cidadáns, manifestou o delegado territorial; por iso, “a importancia da colaboración da Xunta cos concellos en materia de protección civil e emerxencias para dotalos dun equipamento adecuado que permita acadar unha maior seguridade para os membros dos servizos municipais e, polo tanto dos seus veciños” sentenciou.

Forman a rede de Protección Civil na provincia de Ourense un total de 74 agrupacións de voluntarios, que a través destas liñas de subvención en especie pola Xunta de Galicia supuxeron nos últimos anos a adxudicación de 45 vehículos pick up, 13 furgóns de loxística, 50 remolques de emerxencia, 7 embarcacións pneumáticas, 5 remolques con carpas para as emerxencias, 4 remolques de salvamento, esparexadores de sal e equipos de excarceración. Unha inversión total de 12 millóns de euros en toda Galicia con preto de cinco millóns de euros destinados a provincia de Ourense.