Os traballos na organización do arquivo véñense desenvolvendo dende 2018 froito das axudas que concede a Consellería de Cultura en materia de arquivos para a actuación e organización dos arquivos municipais, un proxecto cofinanciado entre fondos do Concello e a Consellería de Cultura para a contratación de persoal técnico que emprenda as tarefas na mellora do arquivo para o desenrolo da xestión e organización do fondo documental. Grazas a estas axudas o Concello de Avión é unha boa mostra dun traballo ben feito e un exemplo de concienciación arquiveira en prol da preservación e conservación do seu patrimonio documental, cun arquivo funcional e operativo na súa totalidade.
O tratamento arquivístico da documentación consistíu en organizar, clasificar, ordenar, instalar e describir os seus fondos documentais a nivel de microdescrición por expedientes. Os resultados nestes anos na organización do arquivo poñen en valor documentación de singular importancia histórica, parte dela atópase dixitalizada e pode ser consultada en Galiciana, no Arquivo Dixital de Galicia, como son os Libros de Actas de Plenos, das Comisións de Goberno, Comisión Permanente, Xunta de Goberno Local, etc. Tamén neste ano de 2021 atopouse documentación histórica de quintas e milicias, como libros rexistro a familias dos combatentes voluntarios en 1937, libros de actas da Xunta Municipal de subsidios a familias combatentes en 1937, expedientes de prestación social de subsidios o excombatentes en 1938.
Outra documentación de especial relevancia que será obxecto de proxectos de
dixitalización futuras son:
- Libros rexistros de salvocondutos de 1939-1948 que permitían a saída do
Concello da veciñanza, sendo autorizadas estas saídas polo Gobernador Civil da
provincia, libros de singular valor que mostran non so o punto de destino senón
tamén o obxecto da viaxe, datos que nos permiten reconstruír a vida cotiá dos
veciños de Avión. - Expedientes de Sesións da Xunta pericial correspondente a 1872, o expediente
mais antigo conservado no arquivo.
A intención dende o Concello de Avión é dar continuidade a estas axudas na organización do seu arquivo a través das futuras axudas cun arquivo funcional e operativo descrito na súa totalidade a nivel de expediente co que se facilita a localización da documentación dun modo rápido, axilizando os trámites e consultas por parte non so dos usuarios senón tamén da propia entidade produtora como é o Concello de Avión, custodio de documentación administrativa e histórica xerada no exercicio das súas competencias dende principios do século XIX, organizando e dixitalizando a documentación para dar a coñecer e preservar deste modo o seu patrimonio documental.
VIDEO SPOT AVIÓN en BADAL TV