Carballiño e Maside avanzan na creación do polígono industrial compartido

O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, reuniuse esta mañá cos alcaldes do Carballiño, Francisco José Fumega, e de Maside, José Manuel Iglesias, para falar dos avances no desenvolvemento do solo industrial na zona. Os tres coinciden na necesidade de ampliación de solo industrial, case esgotado, e na necesidade de que sexa supramunicipal.

Publicidade

O 14 de xullo iniciouse unha modificación na área sectorial ca finalidade de outorgarlle a cualificación urbanística ós terreos para destinalos a área empresarial e incluíuse unha superficie de 1,2 millóns de metros cadrados (120 hectáreas). A previsión que no ano próximo poida comezar a súa execución por fases.

Unha vez superado este trámite, está previsto que a aprobación inicial da modificación se produza no mes de novembro e a definitiva, en 2022.

O novo documento contempla o crecemento do polígono ourensán coa urbanización de dúas novas zonas, unha das cales estará en terreos do concello do Carballiño e a outra no de Maside. En total, a ampliación do parque ocupará unha superficie de 1,2 millóns de metros cadrados, estando previsto no propio Plan sectorial que a urbanización sexa realizada pola Xunta, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo ou da empresa pública Xestur.

Unha vez incluído o novo ámbito industrial no PSOAEG, tamén será o IGVS o encargado da tramitación do proxecto sectorial do parque empresarial.

Coa ampliación do parque xa existente para dar servizo aos municipios limítrofes do Carballiño e Maside, a Xunta de Galicia facilitará a implantación de novas empresas na zona, dotando de solo empresarial aos dous concellos.

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, deu as grazas á Xunta pola colaboración áxil neste proxecto ó ver a necesidade da súa creación no interior galego.

O alcalde de Maside, José Manuel Iglesias, puxo en valor a implicación do director ó desprazarse en varias ocasións para coñecer a pe de campo as necesidades deste proxecto.