Hoxe, 28 de setembro, ás 19,30 horas no Liceo de Ourense, terá lugar a entrega do Premio Veliano de Honra a Iván Trujillo.

A laudatio estará a cargo de Gonzalo Suárez, director de cine, escritor e guionista, que onte recibiu o premio Calpurnia de Honra 2021 no Festival Internacional de Cine de Ourense.
Iván Trujillo, é o director xeral de TV·UNAM. Naceu en Tabasco, México, en 1954.
É unha das figuras relevantes da actual cinematografía mexicana e de recoñecido prestixio internacional. Coincide con Carlos Velo na súa paixón polo documental e a Bioloxía, da que é licenciado pola Facultade de Ciencias da UNAM. O propio Velo foille de moita utilidade para confeccionar a súa tese co título «La divulgación del conocimiento biológico a través del cine».
É tamén cineasta egresado do Centro Universitario de Estudios Cinematográficos da UNAM. Comezou a súa traxectoria profesional en 1980, na Filmoteca de la UNAM, promovendo a realización e difusión do cine científico, da mesma maneira que facíaCarlos Velo. Presidiría a institución de 1989 a 2008.
Como cineasta centrouse na produción e realización de documentais sobre a fauna silvestre, e foi así como en 1988 recibiu o Ariel al Mejor Cortometraje Documental polo filme Mariposa monarca, adivinanzas para siempre.
Foi presentador e realizador da serie Vida en peligro, transmitida por Canal 11 de 1982 a 1983. Tamén produtor da serie 18 lustros de siglo XX, da que catro dos seus episodios foron recoñecidos co Ariel al Mejor Documental.
Presidiu a Federación Internacional de Archivos Fílmicos, de 1999 a 2003. No plano internacional, participou en diversas mostras de cine mexicano, ademais de exercer de xurado en varios festivais de cine internacionais e de activo conferenciante ao redor do cine.
Do 2008 ao 2010 foi Agregado Cultural de México en Cuba, para pasar a dirixir ata 2018 o Festival Internacional de Cine de Guadalajara.
En 1999 o goberno francés concedeulle a condecoración de Cabaleiro da Orde das Artes e Letras, e en 2006 o goberno español concedeulle a Encomenda al Mérito Civil. Desde febreiro de 2019 é director xeral de TV UNAM.