A Xunta somete a información pública o proxecto de mellora da estrada OU-402 en Ribadavia e na Arnoia, que suporá un investimento de preto de 715.000 euros

A actuación consiste na mellora do trazado e no acondicionamento da estrada, entre a intersección coa vía provincial OU-0305, no acceso a Ribadavia e a entrada á Arnoia

As obras desenvolveranse nun tramo cunha lonxitude aproximada de 1,65 km, entre os puntos quilométricos 30+500 e 32+150

AVANTAR ACTIVIDADES

O proxecto inclúe o reforzo do firme, a construción dun espazo peonil, a mellora da drenaxe transversal e o reforzo da sinalización viaria, entre outras actuacións

As persoas que o consideren oportuno poderán formular observacións ao proxecto durante un período de 30 días hábiles, contados a partir de mañá

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto da 1ª fase de mellora da estrada OU-402, en Ribadavia e na Arnoia, que suporá un investimento de preto de 715.000 euros.
Este procedemento permite que durante un período de 30 días hábiles, contados a partir de mañá, as persoas que o consideren oportuno poden formular observacións relativas á concepción global do trazado deseñado.
No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa ao anuncio: http://xurl.es/nmika
A actuación consiste na mellora do trazado e no acondicionamento da estrada OU-402, entre a intersección coa OU-0305, no acceso a Ribadavia, e a entrada á poboación da Arnoia.
As obras desenvolveranse nun tramo cunha lonxitude aproximada de 1,65 km, entre os puntos quilométricos 30+500 e 32+150, onde se rehabilitará a capa de rodadura.
O proxecto recolle a construción dunha beiravía para o tránsito peóns, de 2 metros de ancho e uns 1.000 metros de lonxitude, entre os puntos 30+550 e 31+550, pola súa marxe esquerda, e unha cuneta de seguridade transitable.
En canto ao trazado, e na medida do posible tendo en conta que é un tramo existente con entrada ao núcleo urbano da Arnoia, adaptarase á normativa vixente, mellorando así a visibilidade de circulación.

Tamén se reforzará a seguridade viaria da intersección no punto quilométrico 30+700 da estrada OU-402 que conecta esta coa vía provincial OU-0305. Así, coa fin de mellorar a visibilidade, disporase un carril central de espera e habilitarase un cambio de sentido.