O PSDEG impulsará unha moción para que ourense se adhira á rede de municipios fast-track

 O PSdeG-PSOE anuncia que impulsará unha moción para que o Concello de Ourense se adhira á rede global de municipios da estratexia Fast-Track Cities (cidades da resposta rápida), cuxo compromiso consiste en acelerar as respostas locais ao VIH, a tuberculose e as hepatites virais para alcanzar o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) para 2030.

As e os socialistas lanzan esta iniciativa, que levarán ao pleno do mes de xaneiro no Concello de Ourense, con motivo da celebración este xoves 1 de decembro do día Mundial da sida, que este 2022 leva por lema ‘Igualdade xa!’, co que a ONU insta a traballar nas accións necesarias para abordar as desigualdades que son un impedimento para lograr a fin da sida.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Temos o privilexio e a responsabilidade de afrontar o reto de rematar co VIH como problema de saúde pública no ano 2030; por iso, a loita contra esta enfermidade atópase nun punto de inflexión histórico”, afirman dende o grupo socialista.

No texto da moción, as e os socialistas reclaman que se asine tamén o documento da Declaración de París, co compromiso de mobilizar os recursos necesarios para lograr unha mellor integración de saúde pública e desenvolvemento, construír e acelerar as estratexias en materia de VIH e usar a resposta á sida como catalizador para unha transformación social positiva.

Neste sentido, lembran que esta declaración do ano 2014 supuxo a adopción de medidas para acelerar a resposta ao VIH coa finalidade de alcanzar os obxectivos 95-95-95 de ONUSIDA, consistentes en que o 95 % das persoas que viven coa enfermidade coñezan o seu estado serolóxico, que o 95 % dos que o coñecen sigan un tratamento e que o 95 % das persoas en tratamento teñan carga viral indetectable, ou o que é o mesmo, intransmisible.

“Debemos sumar dous obxectivos máis, como son que o 95 % das persoas que viven con VIH teñan unha alta calidade de vida e que haxa un 0 % de estigma, porque non lograremos ter unha xeración libre de VIH ata que a xeración anterior non se libere dese estigma”, sinalan dende as filas socialistas.

Destacan neste sentido que a VIH é “unha das poucas enfermidades infecciosas da  historia humana que maior estigma ten acarreado” polo que instan a “rematar con esta situación e romper a letra escarlata”.

Así as cousas, instan ao Concello a aproveitar os recursos e programas existentes para pór en marcha intervencións locais adaptadas que permitan facer fronte ás lagoas en materia de prevención, probas e tratamento relacionadas co VIH.