Polo Avieiro de dona Emilia (38): O desterro de don Aurelio

Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego


Hai ben anos, na segunda metade dos setenta do pasado século, fronte ao Derby, na mesma Porta da Mámoa, houbo un café do que non lembro o nome, ao que, nas noitiñas compostelás, acudiamos para tomar un café con leite e compartir a compaña do inesquecíbel Bautista Álvarez.

AVANTAR ACTIVIDADES

Non podía ser doutro xeito e, despois de darlle ao tarabelo político, os falares encamiñábanse cara ás cousas e as xentes do Avieiro, e en especial do Carballiño e do San Amaro. Como é sabido, o Bautista era natural deste concello, en concreto do lugar de Loucía, na parroquia de San Cibrao de Las, á beira da Cidade, acochado polo curuto vixiante do San Trocado.

Vista dende o San Trocado

A conversa derivaba por se Lamsbrica ou Lambrica, por se San Torcuato ou Santo Catro, en referencia ás catro parroquias que se xuntan na festa. Unha daquelas noites, debeu ser  máis dunha, saíunos ao camiño don Aurelio e a súa primeira novela, e o noso contertulio recitou a estrofiña que lle armaron os do Carballiño: “Miras, Miras/mucho miras/poco ves/ por el libro que tu escribiste/ nadie te quiere ver”. Acordábase ben, pois, ao pouco de publicarse a novela, fíxoo un periódico, ao amparo de Acción Católica, que recollía algunhas cousiñas en galego no que el colaborou. Por alí andaba a remexer o Calviño, do que falamos noutros Avieiros. Lembremos que El agüista publicouse en 1950 e El ambiente, así se chamaba o semanario católico, non sabemos se en referencia ao “ambiente auguista” ao que se refería don Aurelio no seu relato, viu a luz ao ano seguinte[i].

A cidade de San Cibrao de Las

A novela sentou moi mal entre as elites políticas, sociais e económicas da vila, confirmándose a tradición de tomarse as cousas impresas moi a peito. Xa non gustara que dona Emilia a alcumara de Vilamorta; agora sentíronse ofendidos pola descrición da “atmosfera balnearia” realizada por don Aurelio.

Tense falado de “lecturas inadecuadas” para explicar, a posteriori, a xenreira que levantou entre as elites coruñesas e a familia dos Quiroga a historia da cigarreira de La tribuna (1882)con aquel remate de “Viva la República Federal”, ou o rebumbio que se armou coa recompilación de artigos denominada La cuestión palpitante (1883). Algúns tamén interpretan a actitude das elites carballiñesas como resultado dunha “precipitada lectura” de El agüista. Non comparto a idea. Que as intencións de dona Emilia fosen literarias e estivesen nas antípodas da mínima intención revolucionaria é tan certo como que a súa actitude inzaba de urticaria as peles sensíbeis dos sectores máis obtusos da fidalguía e das elites burguesas coruñesas. Do mesmo xeito, a ollada introspectiva do relato de don Aurelio non empece a existencia de vencedores que non pegaron un tiro e só desfilaron, “estraperlistas” eficaces, sátiros corruptores e mozas de clase media baixa incitadas a procurar unha seguridade económica empregando “armas de muller”. Que os parvos miren para o dedo cando este sinala a lúa, non quere dicir que a lúa non exista.

A teima contra don Aurelio foi moito máis alá dunha graza de fácil rima. A iniciativa tomouna o Sporting Club, sociedade que renacera o mesmo ano de edición da novela, asentada nos arredores do poder local, que se sentiu ofendida polo pouco agraciado retrato do noso autor, en especial  daqueles aos que o Club quería protexer: “Nos inflama de optimismo la certeza de que el modesto tendero, el pequeño mercader, el oscuro especulador, el saltimbanqui, la frutera, en fin, todos los desheredados, al amparo de nuestras diversiones, tienen estos días sus más imperiosas necesidades a cubierto”[ii], dicíase no folleto das festas de San Cibrao que lle encargaron organizar ao flamante Sporting Club aquel mesmo ano de 1950. Naquel mundo unidireccional e unidimensional, os tendeiros, mercadores e especuladores eran os desherdados que se enrabiaron co “auguista” emerxido do maxín de don Aurelio.

El aguista

Non foi unha brincadeira. A xunta directiva do Club considerou o relato unha indecencia e acordou solicitarlle ao autor que abandonase a vila e demandar que o concello lle esixise responsabilidades. Remitiulle copia da acta ao alcalde Camilo de Nóvoa González, un avogado novo que rematara dereito en 1942[iii],  e relevara na alcaldía (1949-1953) e na xefatura local do partido único ao “veterano” Bernardino González Álvarez  que presidira a xestora dos militares alzados (1936-1938) e recuncara na alcaldía (1943-1949). No momento do relevo, ao mestre recoñecérono coa “Medalla de Oro de Cisneros”[iv].

O rexedor convocou sesión extraordinaria do pleno. Este considerou que naquelas páxinas se ofendía a moralidade da vila e os veciños manifestaran por isto o seu  “desagrado y descontento” xerándose un “estado de ánimo” que mesmo podería chegar a orixinar “alteraciones de orden público”.  Así mesmo, a corporación municipal considerou a novela un agravio contra a “dignísima colonia forastera” e acordou poñelo en coñecemento do gobernador provincial[v].

Os matinares do auguista Leopoldo armaron un bo rebumbio. Os pasquíns pola rúa, os ruxe-ruxe constantes, as ameazas ocultas ou manifestas, as frases inxuriosas, as rimas ridiculizantes…. acabaron por empurrar de feito, ignoramos se de dereito, a don Aurelio a abandonar a vila.

Camiño da capital venezolana, un país que na altura tiña a súa moeda ao par do dólar, o desterrado deixou en El universal, daquela un dos principais diarios de Caracas, lírica testemuña da viaxe, vendo afastarse as luces do porto vigués mentres medra o “ancho mar amargo”. En La Noche do 12 de outubro de 1955 reproduciu, en parte, aquel “piropo sevillano” froito do primeiro encontro; mais o artigo de Miras no xornal compostelán ten como obxectivo, por unha banda, resaltar a boa aceptación cara aos emigrantes hispanos dos centros oficiais e “das esferas cultas”, baseándose no seu coñecemento das mesmas polas múltiples reunións que mantén en función do seu cargo como director do Instituto Baralt de Caracas e, pola outra, indicar que esa comprensión recuara sensibelmente tras a publicación da novela de Cela La catira, pois “el estilo tremendista a lo Baroja, cuando se sale de casa, y se da a los cuentos ribetes costumbristas, no deja de herir susceptibilidades”[vi]. Medio século tardou o Carballiño en desculparse con don Aurelio.


[i] Fernández, M.A. (1992): O Carballiño. Vellas historias. Vellas fotografías. 1870-1970. O Carballiño: Xociviga

[ii] Fernández, M.A. (1992): id

[iii] El correo gallego, 23/6/1942

[iv] La noche, 2/3/1949

[v] Fernández, M.A. (1992): id

[vi] Refírese a novela de C.J. Cela La Catira, primeira e única dunha serie de dez historias de Venezuela que o de Padrón acordara co ditador Pérez Jimenez a cambio dunha gran cantidade de diñeiro dentro dun acordo entre o perezjimenismo e o franquismo, ambos con serios problemas de illamento internacional, tanto para favorecer a migración a Venezuela como para contrarrestar a influencia cultural dos exiliados. O rexeitamento que provocou a novela na que Cela inventou unha fala costumista e aracaizante impediu a continuidade do proxecto. Sobre a cuestión pode consultarse o ensaio de Gustavo Guerrero (2008): Historia de un encargo: “La catira” de Camilo José Cela”. Madrid: Anagrama.


———————————————————————————————————

Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “

Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización

Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia ( 6 ) : Arde a casa do alcalde e inaugúrase o novo edificio. Terceira breve cata na historia do balneario.

Polo Avieiro de dona Emilia (7) : As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia (8) : Outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (9) : Un enterro de liñaxe

Polo Avieiro de dona Emilia (10) : “Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”

Polo Avieiro de dona Emilia (11) : O “Palacio de los Recuerdos”

Polo Avieiro de dona Emilia (12): ” Entre señor e faraón “

Polo Avieiro de dona Emilia (13): ” A véspera “

Polo Avieiro de dona Emilia (14): ” A feira “

Polo Avieiro de dona Emilia (15): Os fogos

Polo Avieiro de dona Emilia (16): Dinamita en Cabanelas

Polo Avieiro de dona Emilia (17): O día grande

Polo Avieiro de dona Emilia (18): E o Cisne, de que vai?.

Polo Avieiro de dona Emilia ( 19 ) : “Nieves e Leocadia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 20 ) : Flores e Gaspara

Polo Avieiro de dona Emilia, (21): Eco e Narciso.

Polo Avieiro de dona Emilia, (22): O miradoiro.

Polo Avieiro de dona Emilia, (23): Pragas

Polo Avieiro de dona Emilia (24): Matute, a outra praga do Ribeiro

Polo Avieiro de dona Emilia (25): Vendimas.

Polo Avieiro de dona Emilia (26): Tostado.

Polo Avieiro de dona Emilia (27) : Dona Mariquiña

Polo Avieiro de dona Emilia (28) : Un segredo de familia?

Polo Avieiro de dona Emilia (29) : Outro segredo de familia

Polo Avieiro de dona Emilia (30) : Curros en El cisne e outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (31) : Vilamorta recoñece á Pardo Bazán.

Polo Avieiro de dona Emilia (32) : Calviño e a Bazán (1).

Polo Avieiro de dona Emilia (33) : Calviño e a Bazán (2).

Polo Avieiro de dona Emilia (34): O meu Calviño

Polo Avieiro de dona Emilia (35): Quen é o da última fila, o da esquerda?

Polo Avieiro de dona Emilia (36): Sobre flâneurs, dandis, sátiros e airistas

Polo Avieiro de dona Emilia (37): Sobre auguistas e veraneantes.