Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego


Non sei se a dona Emilia lle aquelaría ben que definísemos o seu Cisne, isto é a Segundo García, como un flâneur. Nun certo sentido, o máis simple, coido que si lle acae, pola súa indolente actitude poética e paseante. Non, se nos atemos ao concepto, definido por Benjamin nas súas lecturas de Baudelaire[1], do novo espécime humano e urbano que emerxía no París da segunda metade do s.XIX, convertendo a rúa na súa casa, atopándose entre as fachadas dos edificios tan cómodo como o burgués entre a súas catro paredes, admirando os brillantes carteis esmaltados de despachos, empresas e comercios co mesmo aprecio decorativo co que o bo burgués valora os óleos que engalanan o seu salón; facendo dos valados urbanos o seu escritorio, dos quioscos de xornais a súa biblioteca e das terrazas de café os seu miradoiro dende o que embelesarse ollando preguiceiro o seu mundo. Mais esa molicie é só aparente, pois tras dela está o intenso abesullador que non tira o ollo do que pasa, nin de quen pasa; pois o amor do flâneur non só é un amor a primeira vista senón a última. “A rúa ao meu redor era todo ruído./Alta, esvelta, enloitada, nunha dor maxestosa,/unha muller pasou, e coa man fastuosa/erguía e balanzaba o festón do vestido,/áxil e distinguida, de estatuario porte./Eu bebín, fascinado como un animal,/no su ollar, ceo mouro que habita o vendaval,/a dozura que enmeiga e o pracer que dá morte”. Así verteu Gonzalo Navaza o que aquela “passante” espertou en Baudelaire[2]. Aquel espectador moderno, detective afeccionado e investigador da cidade, produto urbano do capitalismo, predecesor directo do degradado papaleisón dos templos do consumismo actual, foi posíbel tras a invención parisiense dos corredores cubertos cun teito de cristal que acollían, enfeitadas as paredes de mármores, os máis elegantes comercios, e facilitaban o “flânerie”. Eran as “pasaxes”, ás que gustaba referirse Benjamin[3].

As pasaxes de París, capital do século XIX

Non na Vilamorta da Pardo Bazán senón no Carballiño da miña xuventude tamén había “pasaxes”; mais ben unha, aínda que sen teito de cristal nin recebados de mármore. Era a “calle” principal. Agora tamén a hai, máis nela minguaron tendas de roupa feita, droguerías, xoierías, oficinas bancarias ou ferraxerías, estancos e quioscos de xornais, así como carteis esmaltados ou letreiros de neon. Fican invasoras cadeiras baleiras. Daquela, a “villita” pardobazaniana xa virara no Carballiño de forasteiros que acugulaban a rúa do paseo, xurdían por detrás de cada piñeiro do parque ou facían longas ringleiras co seu vasiño graduado protexido nun cestiño de vimbio ou noutro, máis feminino, de gancho. Dende aquela inzouse tamén de flâneurs e dandis á procura de “a ver er que cae”.

O historiador británico Orlando Figes argallou unha intensa e profunda cata no proceso constitutivo dese etéreo espazo cultural que denominamos Europa a través da estraña relación, tamén amorosa, entre a reputada cantante de opera (mezzosoprano) Pauline Viardot (1821-1910), filla do tenor Manuel García, e da soprano Joaquina Briones; o seu marido, o hispanista francés e experto en arte Louis Viardot (1800-1883), e o poeta e aristócrata ruso Iván Turguénev (1818-1883), ao que, xunto a Gogol, Dostoievski e Tolstói, dona Emilia lle abriu as portas pirenaicas, na primavera de 1887, nunha célebre xeira de conferencias no Ateneo madrileño.

Figes[4] titulou un dos capítulos do seu libro “Europa se divierte”. Nel sinala como espazo primordial de divertimento os balnearios, aos que dona Emilia era tan afeccionada, tamén por razóns médicas, por mor das súas doenzas hepáticas. Aínda que lle prestarían moi ben as augas do noso balneario, non temos constancia de que as tomase nin nos seus tempos polas beiras do Avieiro, nin, dende logo, despois. Ela prefería Vichy, Mondariz ou A Toxa.

Balneario de Vichy, El Eco de Sitges.

A moda balnearia chegou ao sur europeo un chisco máis tarde e, dende logo, sen o escolleito aire principesco e aristocrático de Karlovy Vary, Evian les Bains ou Baden Baden.

Baden Baden, a cidade balneario

No balneario alemán acabaron por se establecer, en 1863, os Viardot e tras deles foi Turguénev. O modelo reproduciuse e segundo descendía a escala social baixaba o nivel do balneario. En todo caso tratábase de non facer nada. As vilas balnearias convertéronse en sinónimos de pracer nas que as mañás voaban entre tomas e baños e as tardes prolongábanse en paseos de “voyeur” respirando aires balsámicos, flirteantes e educadas conversas elegantes, cafés nas terrazas e, no caso de escala social elevada, deixándose arrolar pola orquestra no xardín do casino-hotel-balneario.

No Carballiño dun século despois, na tempada de verán, abundaban flâneurs e dandis pretensiosos e mesmo algún que outro sátiro. Mesmo estes espécimes abrollaban entre o mocerío autóctono que dedicaba os meses de balneario a guichar o que pasaba, mirar por aquí ou por alá, para ver de engaiolar algunha mociña en idade de merecer un inocente, ou non tanto, amor “fou” de quince días, ou nunha perversa, aínda que tamén tola, paixón semanal aproveitando que o marido ficara de Rodríguez na cidade con moita probabilidade de andar tamén ás xaneiras. Eu coñecín algúns sátiros, especialistas en aproveitar o seu atractivo físico ou o feitizo da súa palabra, con moito éxito, se facemos caso das súas autogabanzas. En calquera caso, amores coutados que ficaban esquecidos ás poucas horas ou aletargados ata o verán seguinte, no caso de que calquera das partes estivese libre. Ao fin e ao cabo, o do Carballiño era un balneario humilde e as aventuras que medraban ao seu acougo non ameazaban con desestabilizar ningunha fortuna familiar ou alterar o control das accións de ningunha empresa.

Nun daqueles veráns sitúase o relato do que é protagonista Leopoldo, un médico que, fuxindo, non sabemos por que, nin de que, mesmo é posíbel que nin el o saiba, da “alta meseta castellana”, chega ao Carballiño para tomar as augas, aínda que nin as necesita, nin colega algún llo indicou. Tampouco as toma; só fai que as toma. Achégase á vila balnearia disposto a entregarlle a alma a esa “tierra caprichosa que desprecia al océano y abriga a la ría”, sen ningunha ilusión, agás airearse.

Leopoldo é un “magnifico representante” da xeración “talada en verde”, a mesma do autor do relato. Ollou, na súa nenez, instaurar a ditadura; na xuventude “a eclosión republicana”; seguramente militou nalgún partido discrepando de todos por facerlle honra á súa “anárquica estirpe ibérica” e apañando un pouquiño daquí e outro pouquiño dacolá, fincado no seu “montaraz hispanismo”, coidou elaborar unha doutrina inédita tras o remexido de ideas do último período republicano. Despois “como una nube que vino de improviso”, viuse mesturado no “Movimiento” que puxo fin á vida “polifacética de partidos” e aquel testán pensamento independente ficou sometido e moldeado “en una horma” e viu estrangulada a súa “psicología libérrima”, pois os que van a unha guerra volven vellos.

A entrada do airista. (F. Luísa)

Leopoldo, que soñara nun ambiente que morrera violentamente, estaba dominado pola calma, pola indolencia, “era casi un abandono de la vida”, dísenos no prólogo do relato. Dominado por esa preguiza no paseo, no “flânerie”, na procura de aire, o “airista”, é o termo que emprega o autor, verase sorprendido por personaxes que van “adquiriendo cuerpo”, modificando o proxecto, mudando unha novela matinada como intranscendente en traxedia; xa que o autor se limitou a “espiar la vida” e esta non “obedece al pensamiento”.

É 1943. O protagonista ten trinta anos, os mesmos que o autor. Nin lle gusta a súa profesión nin considera que sirva de moito, pois o que en realidade cura é a capacidade de restauración da estrutura humana. Nada quere, nada o incita, todo para el é superficial, agás algún cativo pracer literario. El, e a súa xeración, correron tanto, arrastrados polo “torrente” dos tempos, que deixaron atrás o corazón. Non sabe se está vivo ou se só é unha “reminiscencia” do pasado sumida nun “colapso”. Chega ao Carballiño para metamorfosearse en “agüísta”, en “airista”, en “flâneur”, en “veraneante” de rabaño, para ver se cambiando de indumentaria cambia de alma, pois nada de estraño ten que se esgacen as súas “finas aristas” nestes tempos “turbulentos en que rueda el espíritu entre el atroz torbellino de sucesos descomunales” e no que os valores eternos, presentados como “soles inconmovibles de luz perenne”, resultaron falsos. Coa alma desgarrada e sen un só fío para remendala, non coa abulia dun fracasado senón coa dos ideais frustrados, diríxese Leopoldo da man do autor, Aurelio Miras Azor[5], ao encontro de personaxes que en ningún momento procurou.


[1] Benjamin, W. (2012): El París de Baudelaire. B. Aires: Eterna Cadencia. Ver cap. II

[2] Baudelaire, Ch. (2008): As flores do mal. Edición, tradución e notas de G. Navaza. Vigo: Galaxia

[3] Benjamin deixou unha obra inacabada, Das Passagen-Werk, unha recompilación de citas e pasaxes centradas en París. A escultura na súa memoria, realizada por Dani Karavan, instalada en Portbou, chámase “pasaxes”. El Libro de los pasajes, publicado en 2005, por Akal, Madrid.

[4] Figes, Orlando (2020): Los europeos. Madrid: Taurus.

[5] Miras Azor, A. (1950): El agüista. Madrid: Afrodisio Aguado.

———————————————————————————————————

Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “

Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización

Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia ( 6 ) : Arde a casa do alcalde e inaugúrase o novo edificio. Terceira breve cata na historia do balneario.

Polo Avieiro de dona Emilia (7) : As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia (8) : Outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (9) : Un enterro de liñaxe

Polo Avieiro de dona Emilia (10) : “Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”

Polo Avieiro de dona Emilia (11) : O “Palacio de los Recuerdos”

Polo Avieiro de dona Emilia (12): ” Entre señor e faraón “

Polo Avieiro de dona Emilia (13): ” A véspera “

Polo Avieiro de dona Emilia (14): ” A feira “

Polo Avieiro de dona Emilia (15): Os fogos

Polo Avieiro de dona Emilia (16): Dinamita en Cabanelas

Polo Avieiro de dona Emilia (17): O día grande

Polo Avieiro de dona Emilia (18): E o Cisne, de que vai?.

Polo Avieiro de dona Emilia ( 19 ) : “Nieves e Leocadia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 20 ) : Flores e Gaspara

Polo Avieiro de dona Emilia, (21): Eco e Narciso.

Polo Avieiro de dona Emilia, (22): O miradoiro.

Polo Avieiro de dona Emilia, (23): Pragas

Polo Avieiro de dona Emilia (24): Matute, a outra praga do Ribeiro

Polo Avieiro de dona Emilia (25): Vendimas.

Polo Avieiro de dona Emilia (26): Tostado.

Polo Avieiro de dona Emilia (27) : Dona Mariquiña

Polo Avieiro de dona Emilia (28) : Un segredo de familia?

Polo Avieiro de dona Emilia (29) : Outro segredo de familia

Polo Avieiro de dona Emilia (30) : Curros en El cisne e outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (31) : Vilamorta recoñece á Pardo Bazán.

Polo Avieiro de dona Emilia (32) : Calviño e a Bazán (1).

Polo Avieiro de dona Emilia (33) : Calviño e a Bazán (2).

Polo Avieiro de dona Emilia (34): O meu Calviño

Polo Avieiro de dona Emilia (35): Quen é o da última fila, o da esquerda?