O PSOE reclama o rescate urxente dos parques infantís de Ourense

O PSdeG-PSOE de Ourense adianta que presentará unha moción no pleno municipal deste venres para reclamar un plan de choque urxente que permita “rescatar os parques infantís e zonas verdes do abandono total no que se atopan polo desleixo e a incompetencia do bigoberno de PP e DO”. Os socialistas denuncian a “desfeita indecente” nas áreas de xogo e o “perigo permanente” para a cativada ante a presenza de “aparellos vellos, oxidados e rotos” que supoñen un risco para os máis pequenos.

Publicidade

“Malia que o goberno municipal conta dende hai tempo cunha auditoría sobre o grave estado de conservación dos parques e das zonas verdes da cidade, así como cun informe de actuacións necesarias e improrrogables nas zonas recreativas, prefiren priorizar o gasto en asesores e seguir adiando a atención aos servizos básicos para a cidadanía”, condenan os socialistas.

Así as cousas, os dende o grupo socialista consideran “vergoñento e digno de repulsa” que, “en tempos nos que o xogo ao aire libre é máis imprescindible que nunca, en todos os barrios de Ourense” sigamos a atopar zonas de lecer “sen ningún tipo de mantemento nin renovación, pendentes de reforma ou directamente, clausuradas”, unha situación que “contrasta fortemente coa realidade de cidades como Vigo, cunha extensa rede de parques infantís e zonas de ocio das máis atractivas a nivel galego”.

Entre os parques para os que os socialistas consideran necesario aplicar medidas de reforma integral ou parcial, están os do barrio pontino –entre os que destacan o do Peco, Xesús Pousa, San Rosendo, a Alameda da Ponte, o da rúa San Froilán ou o da rúa Ribeiriño–; os do barrio do Couto –o parque das Aventuras, a zona recreativa do Barbaña ou o parque de Gregorio Fernández–; os do Vinteún –entre os que destaca o de Santa Teresita–; ou os do barrio de San Francisco e Mariñamansa –o parque das Zapatillas ou a contorna da Cuña–, aos que cómpre sumar outros como o parque 25N de Reza ou o Posío.