O Psdeg-Psoe consegue o apoio unánime do pleno para que o concello de Ourense recupere a xestión municipal da casa de acollida no vindeiro ano 2022

PP e DO votaron en contra de crear os postos necesarios na nova RTP do Concello para levar adiante a xestión directa da Casa de Acollida e non apoiaron a moción socialista para a reforma dos parques infantís

A moción socialista para emprazar ao Concello a mellorar os accesos ao Centro de Saúde da Cuña e esixir un novo centro médico para o barrio de Mariñamansa foi aprobada por unanimidade

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE vén de conseguir o apoio unánime do pleno para que o Concello de Ourense recupere a xestión municipal da Casa de Acollida no vindeiro ano 2022, despois de que esta dotación fose transferida e asumida pola Xunta de Galicia ante a “incapacidade” do anterior goberno do PP e logo do bipartito PP-DO para sacar adiante o contrato de xestión, que quedara deserto polo “insuficiente orzamento de licitación”.

Na súa defensa, a propoñente da moción, Concha García, pediulle á concelleira do Partido Popular que ten delegadas as competencias da área social, Eugenia Díaz Abella, que cumpra coa súa palabra a respecto da recuperación da xestión municipal da Casa de Acollida, despois de que a edil popular manifestara nunha entrevista a un medio de comunicación publicada o pasado 6 de setembro de 2020 que a cesión do servizo ao ente autonómico era “algo transitorio”.

Neste sentido, García denunciou, nun relato cronolóxico dos feitos, que a exconcelleira Sofía Godoy se “desfixo” da xestión da Casa de Acollida porque supuña “un peso” que os populares non querían asumir. Así as cousas, a edil socialista instou ao pleno a apostar pola remunicipalización e posta en valor desta Casa de Acollida ao tempo que subliñou que “o Concello dispón de activos financieiros e remanente de Tesoureiría” para volver facerse cargo da xestión.

O segundo punto da moción, na que os socialistas instaban ao bigoberno a crear os postos necesarios na nova RTP do Concello para poder sacar adiante a xestión pública e directa da Casa de Acollida nos próximos anos foi rexeitada por PP e DO, que tampouco apoiaron a posta en marcha dun plan de choque para a sacar os parques infantís e zonas verdes da cidade do “abandono” no que se atopan sumidos, unha moción que saíu adiante coa inclusión dunha emenda de adición do BNG para incrementar os membros da brigada encargada do mantemento e supervisión dos parques.

“Existe unha incapacidade de xestión evidente por parte do actual goberno nos últimos anos de mandato, polo que cremos que todos deberíamos votar a prol desta moción, doutra maneira pode que algún día teñamos que lamentar algún accidente grave” alertou a concelleira Natalia González en relación á existencia de aparellos “vellos, rotos e oxidados”, ao tempo que defendeu que a inversión en espazos de xogo ao aire libre en tempos de Covid “é máis importante se cabe”.

Luz verde á mellora dos accesos do Centro de Saúde da Cuña

Por outra banda, o pleno expresou o seu apoio unánime á iniciativa socialista para a mellora da accesibilidade ao centro de saúde da Cuña, defendida pola concelleira Rosa Martínez. Así mesmo, a corporación tamén deu luz verde ao segundo punto de acordo da moción para instar á Xunta de Galicia a establecer un calendario para a construción dun novo centro de saúde no barrio de Mariñamansa, ante as “evidentes carencias” que presenta o actual edificio, construido no ano 1987, durante o goberno socialista de Veiga Pombo. 

“Os usuarios do Centro de Saúde da Cuña sabemos que as persoas con mobilidade reducida que teñen que chegar en vehículo ao centro de saúde, vense obrigadas a acceder pola avenida da Universidade, unha entrada que nin sequera está sinalizada” detallou Martínez, ao tempo que convidou ao concelleiro do goberno Armando Ojea a “pasarse por alí de cando en vez”. “Melloremos a accesibilidade a este centro de saúde e impliquémonos na construción dun novo”, instou a socialista.

O rocódromo, ao CMD

Por último, o pleno municipal apoiou a emenda socialista á moción do grupo de Ciudadanos para instar ao Concello a comprar e adaptar as infraestruturas do Bamio para a práctica da escalada, unha proposta que os socialistas consideran que debe debaterse no seo do Consello Municipal de Deportes.

“Os técnicos municipais estimaron en arredor de 4 millóns de euros o prezo de adquisición do Bamio, pero vostede non o di aquí na moción” recriminoulle o edil Wilson Jones a Pepe Araújo. “Por que o alcalde non meteu na súa modificación de crédito os 4 millóns que custaría adquirir o complexo? E por que vostede non fixo alegacións a esa modificación para poder incluílo? Dígollo eu: porque sería un escándalo”, apostillou Jones.