Marina Ortega do grupo socialista pídelle ao goberno galego un plan de traballo para revisar e mellorar as condicións laborais e de servizo nas casas do maior

Marina Ortega recoméndalle a Política Social que “escoite ás xestoras” destes establecementos para a mellora do servizo “poñendo no centro o benestar das persoas maiores”

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2023. A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, pediulle hoxe á Consellería de Política Social que elabore un Plan de traballo para revisar as condicións das Casas do Maior co obxectivo de mellorar o servizo ás persoas usuarias. Ortega presentou unha pregunta oral na Comisión de Sanidade para pedirlle ao goberno galego que poña o foco na mellora dos recursos materiais e humanos a dispor destes establecementos.

AVANTAR ACTIVIDADES

A responsable socialista alertou do risco de que “utilicen as casas do maior para maquillar as listas de agarda da Dependencia” e que “en vez de ir á profesionalización e un modelo de atención integral, estean indo para atrás”.

Chamou a “poñer no centro o benestar das persoas maiores e as garantías laborais das emprendedoras destas casas, na súa inmensa maioría mulleres”, para que poidan ofrecer uns servizos “con garantía e profesionalidade”, co obxecto de garantir a atención “merecida para os usuarios e usuarias”. Pediulle que “escoiten” ás responsables dos establecementos para garantir que o recurso sexa “xestionado de forma correcta”.

Apostou por un servizo de atención integral que aporten profesionais con perfís concretos, como os de psicoloxía, xeriatría ou xerontoloxía, que se integren en equipos multidisciplinares para reforzar a atención prestada nas casas do maior. Salientou a importancia fundamental de revisar a supervisión por parte dos técnicos de inspección propios do goberno galego, que deben ser ampliados por canto actualmente dispón do “número máis raquítico do Estado”.

Advertiu que as casas do maior teñen que ser “complementadas cun conxunto de profesionais determinados, que requiren recursos”, mentres “moitas aguantan polas axudas aos autónomos dispostas polo goberno central”, xa que carecen de ingresos para soportar os gastos do servizo. Reclamou un maior esforzo do goberno galego para “mellorar este tipo de servizos”, tal e como están “vendendo”.

Lembrou a obriga da Xunta de despregar unha supervisión “exhaustiva” para garantir a atención acaída aos usuarios, xa que en ocasións teñen un só profesional atende a 5 maiores, e en moitos casos “hai que garantir que non teñan dependencia mediante a correcta inspección deste servizo”, tal e como solicita a proposta.