A Xunta e a alcaldesa de Ribadavia estudan crear un polígono agroforestal

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo coa alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez, para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos habitantes deste concello ourensán relacionadas co agro. Así, ambos acordaron estudar a posibilidade de implantar un polígono agroforestal para dedicalo a viñedo, co fin de ampliar así a produción da denominación de orixe Ribeiro. Na reunión tamén participou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé.

En concreto, na reunión tratáronse as vantaxes de impulsar unha ampla superficie de terreo para reforzar a actividade económica no municipio. Neste senso, o conselleiro sinalou que a posta en marcha deste instrumento que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia contribuirá á xeración de riqueza e á fixación de poboación, ademais de supoñer un avance na anticipación aos incendios forestais, ao exercer estes cultivos de devasa natural fronte ao lume.

AVANTAR ACTIVIDADES

Así, o titular de Medio Rural lembrou que os polígonos agroforestais constitúen unha das principais ferramentas contempladas na nova norma e explicou que esta figura voluntaria ten por obxecto a volta á produción de grandes áreas de terra con boa capacidade produtiva que alcanzaron, co paso do tempo, estados de abandono ou infrautilización. Nesta liña, ambos dirixentes acordaron estudar posibles zonas de actuación, co obxectivo de analizar as posibilidades orográficas e produtivas do terreo e poñer en marcha este instrumento, sempre co acordo dos veciños beneficiarios. 

Noutra orde de cousas, o conselleiro e a alcaldesa, Noelia Rodríguez, estudaron a situación actual das principais infraestruturas rurais, co fin de poder levar a cabo melloras nos viarios e acadar unha mellor calidade de vida para os veciños en xeral e para os agricultores e gandeiros que fagan uso deses camiños en particular.

A alcaldesa aproveitou a xuntanza para solicitar colaboración coa Feira do Viño do Ribeiro e maquinaria agrícola para levar a cabo desbroces e limpezas nos camiños do rural.