Accións de mellora para os produtores, xestión e turismo son os eixos nos que estará implicada a institución provincial, “por ser un sector absolutamente estratéxico para Ourense”, recalca
Ourense, 21 de novembro de 2024.
O presidente provincial, Luis Menor, mantivo un encontro de traballo na Deputación co presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, Antonio Lombardía, co gallo de abordar a situación na d esta zona vitivinícola que comparten as provincias de Lugo e Ourense.
Ademais de realizar esa análise e constatar que a situación está estabilizada, na reunión tamén se abordaron accións futuras para enfocar esta denominación de orixe cara umbrais maiores de rendabilidade e de negocio, sempre co coidado da paisaxe como obxectivo primordial.
Tamén se lle solicitou colaboración concreta á Deputación, como é o caso da instalación de estacións meteorolóxicas que facilitarán importantes datos no que atinxe á produción, facéndoa máis sustentable. Tamén se pediu axuda para o proceso de dixitalización no que atinxe á xestión deste consello regulador, tanto no ámbito interno como na relación coas empresas produtoras da denominación de orixe.
No que se refire ao Turismo, abordáronse aspectos de promoción desta denominación, así como da ruta do viño da Ribeira Sacra como elemento cada vez máis importante dentro da oferta turística da Ribeira Sacra.
Tal e como explica o presidente provincial, Luis Menor, a Deputación estará implicada na colaboración coa denominación de orixe Ribeira Sacra nos tres eixos acordados (accións de mellora para os produtores, xestión e promoción turística), “pois estamos ante un sector absolutamente estratéxico para a nosa provincia”, sinalou Menor.