O Psoe de Cartelle presenta unha iniciativa para recuperar, restaurar e pór en valor a Ponte Freixo

. O PSdeG-PSOE de Cartelle avoga porque o Concello tome a iniciativa para a recuperación, restauración e posta en valor da ponte romana de Freixo. Os socialistas veñen de rexistrar unha moción neste senso para o seu debate na seguinte sesión plenaria, co obxectivo de que dende o grupo de goberno municipal se realicen a “maior brevidade posible” as xestións oportunas ante a dirección xeral de patrimonio da Xunta de Galicia.

Dende o Grupo Municipal Socialista de Cartelle continúan coa súa campaña de iniciativas enfocadas ao “rescate do abandono” dos bens patrimoniais do municipio. Desta vez os socialista poñen o foco nunha das “xoias” arquitectónicas do municipio como é a ponte Freixo, de orixe romana e unha das mellor conservadas de todo Galicia, pero tal e como relatan “leva 32 anos sen que se fixera ningunha obra máis de conservación e restauración, polo que o seu estado empeorou a causa dos estragos do tempo”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ante esta situación os socialistas instan a que a Xunta de Galicia se comprometa a elaborar un orzamento para darlle un “importante pulo” a ponte Freixo e que o Concello procure o financiamento das administracións pertinentes para recuperar e pór en valor non só a ponte, senón tamén a antiga presa e o muíño, así como unha área recreativa da zona. “Creemos que se trata dunha zona natural única, que debemos pór en valor para uso e desfrute tanto da nosa veciñanza como dos turistas que poidan chegar en busca de turismo de natureza e etnográfico”, apuntan dende o PSOE de Cartelle.

Para Jesús Pereira, voceiro dos socialistas no municipio, é “urxente” unha política municipal de “recuperación, arranxo e mellora” dos bens patrimoniais do municipio que denuncia “levan anos abandonados a súa sorte sen que o goberno da señora Leyte primeiro, e do señor Sousa en segundo lugar, miren por eles”. Considera un “crime” que monumentos tan importantes como a ponte Freixo ou a torre de Sande “estean a caer sen que o PP mova un só dedo para recuperalos”.  

“A zona da ponte Freixo é unha zona ideal para desfrutar da natureza, polo que consideramos que recuperando a ponte e a contorna, converteríase nun punto de referencia do noso municipio”, explica Pereira que tamén apunta que “isto permitiríanos atraer unha gran cantidade de turistas e que a nosa veciñanza desfrutase dunha paisaxe natural única”. O voceiro socialista tamén subliña que “Cartelle precisa cada día máis dun cambio nas políticas do goberno municipal, que abandona o municipio e as súas xentes e iniciativas coma esta son as que reclama a nosa veciñanza”.

A ponte Freixo é unha construción que data de entre os séculos II e III e que por aquel entón permitía o cruce do río Arnoia, no municipio de Cartelle, unindo ademais as parroquias de Santa Critica de Freixo e O Espiñoso, e servindo en época romana como acceso a unha vía secundaria da Vía Nova, que unía Aquis Querquennis con Lucus Augusti. En 1984 foi declarada Monumento Histórico Artístico e un ano despois foi incluída no inventario de pontes históricas de Galicia. É unha ponte que a día de hoxe segue conservando practicamente intacta a súa factura orixinal, pero que tal e como finalizan os socialistas “precisa de unha actuación e dun proxecto de conservación e restauración”.

Sen novas sobre a torre de Sande

Case 7 meses despois de que os socialistas acadaran o apoio unánime da corporación municipal para que a torre de Sande pasase a dominio público e despois de presentar varias iniciativas no Parlamento de Galicia, o PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia que “non se moveu un só dedo e non hai ningún avance nos trámites que o concello tiña que realizar para que este Ben de Interese Turístico Nacional pasase a titularidade pública”.

Para os socialistas o “pasotismo” do Partido Popular “preocupa moito” a veciñanza de Cartelle, que “sofre en primeira man o desleixo da man dun goberno municipal que non mira polos intereses da súa xente”, afirma Jesús Pereira, antes de finalizar apuntando que “queremos recuperar a torre de Sande para as nosas xentes e imos a seguir loitando porque o pobo recupere o que lle pertence”.