Emilio González informa do investimento de case 1,9 millóns de euros para o desenvolvemento da iniciativa “Hai un Ourense para ti. Descóbreo”

O proxecto foi un dos 25 beneficiarios da Convocatoria de Destinos Turísticos Intelixentes de Red.es

Publicidade

  O financiamento será aportado nun 60% polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e nun 40% pola Deputación de Ourense

Telefónica é a adxudicataria do contrato e contará cun prazo de execución de 29 meses

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, informa do anuncio de formalización do contrato de subministración para o desenvolvemento da iniciativa “Hai un Ourense para ti. Descóbreo”, publicado no Boletín Oficial do Estado do pasado xoves, 2 de setembro.

O contrato conta cun importe de adxudicación de 1.896.799,7 euros, impostos incluídos, aportados nun 60% polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, a través da entidade pública Red.es, e nun 40% pola Deputación de Ourense. Telefónica é a entidade adxudicataria  e disporá dun prazo de execución de 29 meses.

O proxecto, presentado pola Deputación de Ourense, foi un dos seleccionados como beneficiarios da Convocatoria de Destinos Turísticos Intelixentes de Red.es, enmarcada no Plan Nacional de Territorios Intelixentes. Nela, resultaron seleccionados un total de 25 proxectos de nove comunidades autónomas, que implican unha inversión de 73,97 millóns de euros. Red.es achegará un total de 45,78 millóns (o 61,88%), grazas ao cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Programa Operativo  Plurirrexional de España ( POPE). As entidades locais fanse cargo, pola súa banda, de entre un 20% e un 40% do custo total estimado de cada iniciativa.

O financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) para estes proxectos supón un gran impulso para o desenvolvemento de cidades e territorios intelixentes. FEDER contribúe a innovar na mellora da calidade de vida da cidadanía, en aspectos tan esenciais como o medio ambiente, a mobilidade, a  gobernanza, a economía, as persoas ou a vivenda.

Os proxectos que foron beneficiarios impulsan a aplicación das tecnoloxías da información e a comunicación ao funcionamento de entidades locais eminentemente turísticas, de modo que estas se configuren en territorios intelixentes, con servizos diferenciais e competitivos que garantan, á súa vez, un desenvolvemento sostible, accesible para todos, que melloren a experiencia do visitante e a calidade de vida do residente.

Red.es, a través de todas as convocatorias lanzadas, persegue non só lograr un impacto real nas persoas, senón tamén a consolidación da industria nacional ao redor dos territorios intelixentes, moi avanzada no contexto mundial, que permita  internacionalizar os produtos e servizos que se xeran e contribuír así á creación de riqueza no país.

A iniciativa “Hai un Ourense para ti. Descóbreo” busca o principal obxectivo de converter a provincia de Ourense nun destino turístico intelixente. Para iso, pretende unificar e centralizar esforzos nun proxecto que aglutine un acceso rápido, sinxelo e intuitivo a toda a información; ofrecer servizos personalizados; e ofrecer experiencias inmersivas.

Esta actuación enmárcase no Programa “Provincia Intelixente” no marco do eixe Smart do “Plan Dixital 2018-2023”, que pretende xerar os suficientes elementos de valor que fagan da provincia un referente nacional e internacional.