As deficiencias e o estado de mantemento das vivendas de promoción pública da rúa Manuel Lago, no barrio de Covadonga, serán obxecto de debate no Parlamento galego a través dunha iniciativa do BNG

No BNG comprobaron as múltiples deficiencias do inmoble, a falla dun axeitado mantemento das zonas comúns e o peche dalgúns dos espazos  e servizos inicialmente previstos

Publicidade

En febreiro de 2016 foron asinados os primeiros contratos de aluguer das vivendas de protección pública que a Xunta de Galiza, por medio do Instituto Galego de Vivenda e Solo, promoveu no barrio ourensán de Covadonga.

Comezadas as obras o día 22 de xuño de 2009 e estando prevista e contratada a súa finalización para abril de 2011. Porén, tras anos de paralización, varios modificados de proxecto e incremento dos recursos públicos, non foi ate 5 anos despois do vencemento do prazo inicialmente previsto para o seu remate cando a Xunta de Galiza asinou os primeiros contratos de aluguer e a entrega das vivendas ás usuarias.

 Malia o tempo empregado na execución na construción das vivendas e a súa entrega ás persoas que resultaron adxudicatarias, a día de hoxe, tal e como puideron comprobar desde o BNG, existen servizos e instalacións pendentes de ser rematadas e de entrar en funcionamento, como os tendedeiros ou o sistema eléctrico con enerxías renovábeis para a reutilización e aproveitamento das augas.

Outro dos aspectos que máis chama a atención segundo os nacionalistas é o feito de que a pesares de que o tempo transcorrido non permitiu a entrada en funcionamento da totalidade dos servizos comprometidos, si foi abondo para a aparición de importantes defectos estruturais e que condicionan a habitabilidade das vivendas e o confort das persoas que residen nelas.

Por outra banda o mantemento do elementos comúns como rede de saneamento, xardíns ou sistema eléctrico, non é o axeitado, sendo a Xunta de Galiza a propietaria maioritaria, pois os inquilinos teñen dereito a voz, mais non de voto, nas xuntas da comunidade de propietarios, polo que o estado de deterioro que presenta o inmoble e consecuencia da pasividade da Xunta de Galiza.

Por todo o anterior, o Grupo Parlamentar do BNG ven de rexistrar unha Proposición non de Lei para pedir ao Parlamento que inste á Xunta de Galiza para que, previos os informes técnicos oportunos, proceda á realización das obras de reforma, acondicionamento e mantemento dos elementos comúns do grupo de vivendas de promoción pública da rúa Manuel Lago, no barrio de Covadonga.