17.821 alumnos ourensáns principiaron onte o curso escolar en infantil, primaria e educación especial

O delegado territorial da Xunta visitou o CEIP Virxe de Covadonga

  • O delegado territorial explicou que as estatísticas amosan un descenso do alumnado en case 716 escolares respecto do último curso antes da pandemia
  • Gabriel Alén tamén subliñou que,  malia ao descenso de alumnado, a Xunta de Galicia mantén as plantillas de profesorado por riba das que había no curso 2019/20, atendendo as necesidades xeradas a partir da pandemia da covid-19

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, achegouse esta mañá ata o CEIP Virxe de Covadonga co gallo do seu 40º aniversario e no día que principian as clases nos ciclos de Infantil, Primaria e Educación Especial para os 17.821 da provincia de Ourense, segundo os datos provisionais recompilados polos servizos estatísticos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial explicou que as estatísticas amosan un descenso do alumnado en case 716 escolares respecto do último curso antes da pandemia, 285 deles en centros públicos. Neste sentido cómpre lembrar que as cifras de matriculación poden ir mudando ao longo do curso escolar.

Gabriel Alén tamén subliñou que,  malia ao descenso de alumnado, a Xunta de Galicia mantén as plantillas de profesorado por riba das que había no curso 2019/20, atendendo as necesidades xeradas a partir da pandemia da covid-19. Cómpre lembrar que nestas etapas as medidas sanitarias mantéñense invariables respecto das do curso pasado, con grupos burbulla sen distancia de seguridade.

Matriculacións e Centros

Segundo estimacións da Xunta de Galicia, 5285 alumnos comezan este ano nas aulas de Educación Infantil, 3.547 en Centros públicos e 1.738 en Centros privados concertados.

En canto á Educación Primaria as mesmas previsións que manexa a Consellería indican que 12.419 alumnos principian hoxe as clases, 8.234 en Centros  públicos e 4134 en Centros privados concertados.

No que atinxe á Educación Especial, o número estimado de matriculados para este curso na provincia é de 76 alumnos en Centro Públicos e 41 en Centros privados con concerto.

Os centros, que desde hoxe están a impartir ensinanzas de Educación Infantil e Primaria e Educación Especial,  quedan distribuídos do seguinte xeito: 3 de Educación Infantil; 84 de Educación Primaria e Infantil; 21 de Educación Primaria e ESO, e 3 de Educación Especial; o que fan un total de 111 Centros educativos na provincia de Ourense.