A Xunta intensifica esta semana os traballos de roza e limpeza nas estradas autonómicas da provincia de Ourense

Actuarase na OU-105 e na OU-525, na entorna da cidade das Burgas; na OU-531 en Xinzo de Limia e Cortegada; e na OU-801, entre Ribadavia e Ponte Barxas

Estas tarefas forman parte das intervencións que se veñen realizando nas estradas autonómicas para contribuír a previr lumes e reforzar a seguridade viaria

AVANTAR ACTIVIDADES

As intervencións potencian o efecto cortalumes das estradas, aumentan a seguridade viaria, cunha maior visibilidade, e fomentan unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil

A Xunta ten previsto intensificar a vindeira semana os traballos de roza e limpeza en catro estradas autonómicas da provincia de Ourense. Ao tempo proseguirase coas tarefas que nas últimas semanas se están a realizar en distintas vías das provincias de Lugo, da Coruña e de Pontevedra.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses este acondicionamento nas franxas de dominio público de vías autonómicas para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

No marco destas intervencións, actuarase na contorna da cidade de Ourense, nas estradas: OU-105 ata A Ponte Noalla, e na OU-525 cara a Allariz. Tamén están programados os traballos na OU-531, en Xinzo de Limia e Cortegada; e na OU-801, entre Ribadavia e Ponte Barxas.

Na provincia de Lugo, os labores centraranse na contorna de Samos, na estrada LU-633, que une Pedrafrita do Cebreiro e Sarria,

En canto ás actuacións nas estradas de titularidade autonómica da provincia da Coruña, proseguirán os traballos de limpeza e roza na VAP VG.-1.2, na estrada que une Ares e Mugardos, centrándose estes no tramo na zona de Vilar de Colo cara á vila mugardesa.

Nas estradas autonómicas da provincia de Pontevedra seguirán tamén os labores de limpeza das marxes na vía de altas prestacións: CG-4.2, entre Tomiño e A Guarda, así como na VG.-4.3, entre Cambados e Vilagarcía.

As tarefas que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas autonómicas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.