O PSOE pide que a Deputación retire subvencións ós concellos con simboloxía franquista ou fascista

O PSdeG-PSOE de Ourense reclama que a Deputación Provincial deixe de conceder calquera tipo de axuda ou subvención aos concellos, asociacións ou entidades que manteñen simboloxía franquista ou fascista, incumprindo o disposto na normativa en materia de memoria histórica e democrática. Igualmente esixe a todas as entidades locais a inmediata retirada desta simboloxía e solicita o recoñecemento dos veciños e veciñas que foron vítimas do golpe de estado, a guerra civil, a ditadura e o nazismo.

Publicidade

O voceiro provincial, Rafa Villarino, explicou que “pediremos ao goberno de Baltar que aplique a normativa vixente e non conceda subvencións a aqueles lugares que siguen incumprindo a legalidade”, porque “a Deputación non pode seguir a mirar cara outro lado, como tamén fai a Xunta”. “Xa está ben deses discursos que falan de non reabrir feridas, porque quen di iso probablemente non saiba que son esas feridas”, insistiu antes de proclamar que “as feridas non están pechadas porque nunca foron reparadas”.

Desde a rúa do Caudillo, localizada no municipio de Beade (Ourense), o deputado reclamou “restaurar a dignidade do noso pobo” aprobando unha iniciativa que pretende “reparar a honra das vítimas da represión franquista, fascista e das ditaduras”. “Queremos que adopten medidas para que se cumpra a legalidade”, insistiu Villarino tras aseverar que “é tempo de que a democracia sexa realidade” en todos os municipios, “borrando calquera estigma que nos vincule co franquismo e o fascismo, como nos demais lugares de Europa”.

A iniciativa que se debaterá no próximo pleno detalla que, case medio século despois da morte do ditador, Francisco Franco, “aínda existen centos de rúas, placas, privilexios e distincións de carácter franquista e falanxista”. A pesar de que lexislación vixente determina que “deben ser retirados” dos edificios e dos espazos públicos, a provincia suma incontables “representantes públicos instalados na ilegalidade permanente neste ámbito”.

Entre as dificultades para cumprir a lei, o voceiro socialista destacou o “complicado” que resulta “acadar un listado pormenorizado”, posto que as administracións nunca elaboraron un inventario coa relación dos restos. Algúns investigadores cifran en medio cento os restos antidemocráticos en Ourense, pero a cifra real “é realmente maior”, matiza o voceiro. Por iso, demandan na moción a elaboración de inventarios detallados en todos os municipios.

O grupo provincial do PSOE tamén salienta que está en tramitación a nova Lei da Memoria Democrática. “É unha norma que afonda no deber de memoria como garantía de non repetición”, insistindo na retirada dos símbolos e introducindo medidas para “evitar actos de exaltación ou enaltecemento”. E, para iso, inclúe un réxime sancionador establecendo multas entre os 200 euros para as infraccións leves e os 150.000 euros para as moi graves.

Así mesmo, a nova lexislación impulsa o recoñecemento ás vítimas que xa iniciara a Lei 57/2007, a outra pata na que se sustenta a iniciativa dos socialistas. Ante esta “obriga legal e moral”, o PSOE-PSOE insta ao goberno provincial a instalar “fitos ou placas de recoñecemento simbólico en lugares significativos, en recordo dos veciños e veciñas que sufriron persecución durante o golpe de estado, a guerra civil e a posterior ditadura”.

Tamén reclaman que a Deputación se sume ao proxecto ‘Adoquines para o recordo’ da Fundación Stolpersteine, co fin de instalar placas identificativas no chan en memoria dos veciños e veciñas da provincia –case medio cento segundo documentou o investigador Eladio Anxo Fernández– deportados a campos de concentración e exterminio nazis. É unha iniciativa da que xa forman parte miles de localidades dunha vintena de países europeos.

A moción pide instar á Xunta á aprobación dunha Lei de Memoria Democrática de Galicia, porque “é indispensable un abano normativo propio” para afondar neste “deber legal e moral”. Andalucía, Aragón, Catalunya, Illes Balears, Cantabria, Castilla y León, Euskadi, Asturias, Extremadura, Navarra, La Rioja ou Comunitat Valenciana xa contan con lexislación propia que permite adaptar ás súas peculiaridades o marco global aprobado polas Cortes Xerais.

Os socialistas recordan que esta “deplorable superviencia de honras e simboloxía antidemocrática e o esquecemento das vítimas” é “anómala e inaudita dentro do contexto europeo”, e “xa foi denunciada en numerosas ocasións por organizacións internacionais e pola comisión de dereitos humanos ONU”. “É inadmisible que o PP manteña alcaldías rexidas por este modo de pensar con alcaldes de época predemocrática”, conclúe o líder dos socialistas.