Manifestan a súa preocupación pola planificación urbanística e alertan das consecuencias que pode ter para as arcas públicas esta decisión que se tomou “de forma arbitraria dende o Concello e a Xunta”
Aseguran que existía unha parcela cedida no Vinteún “cun uso dotacional perfectamente planificado” pero a Xunta decidiu cambiar a localización porque tiñan que xustificar o “pendello” da estación
O PSdeG-PSOE acusa ao bigoberno PP – DO de empregar a residencia da terceira idade que construirá a Fundación Amancio Ortega como “mantra populista” e lembra que o proxecto está garantido para Ourense independentemente da súa ubicación, xa que existe un convenio marco para a construción de residencias en todas as cidades galegas, “por moito que Jácome e o PP se empeñen en xogar á chantaxe para manipular a opinión pública”.
Así o manifestou a concelleira Natalia González durante o pleno extraordinario celebrado hoxe para a modificación puntual do PXOU de 1986 que permitiría o cambio de uso da parcela antigamente destinada a estación de autobuses de Ourense, e que foi rexeitada pola corporación coa abstención do grupo socialista e nacionalista fronte aos votos a favor do PP, DO, Ciudadanos e dous edís non adscritos.
A concelleira socialista reiterou as preocupacións do grupo a respecto da situación urbanística da parcela, as inquedanzas dos veciños e veciñas da zona e tamén as posibles consecuencias que pode ter para as arcas públicas unha decisión que se tomou “de forma arbitraria dende o Concello e a Xunta”.
“Pode garantirme ó 100% que non existen dereitos de reversión? Pódeme dicir se vostedes asumirán do seu peto calquera consecuencia económica que poida ter esta decisión? E tamén contéstenme se teñen vostedes presente, agora que está a licitarse a variante norte, se pode afectar ao proxecto do bulevar termal? Teñen claro cal é o futuro urbanístico dese barrio?” inquiriu González. “Nós mantemos que non é a localización idónea nin son as formas de levar este asunto adiante”, asegurou.
Parcela alternativa no barrio do Vinteún
Neste sentido, os socialistas lembran que existía unha parcela cedida no barrio do Vinteún “máis acaída e cun uso dotacional perfectamente planificado a nivel urbanístico” para a construción da residencia de maiores, pero a Xunta decidiu cambiar a localización porque tiñan que xustificar a demolición exprés e o “pendello indecente” da estación de autobuses.
“Por que a Xunta non decidiu que se fixera aí a residencia se había unha parcela dispoñible sen cargas? Gobernaban vostedes” lembroulle González á edil de Urbanismo, Sonia Ogando. “A Xunta decidiu colocar a residencia na antiga parcela da estación de autobuses para endosarnos o pendello da estación de autobuses e este proxecto non rascaba e non ía espertar ningún tipo de protesta” aclarou, antes de concluír: “esa é a súa planificación urbanística”.