O PSOE pide un médico fixo todos os días para o centro de saúde de Leiro

O PSdeG-PSOE de Ourense compareceu esta mañá ante os medios de comunicación diante do centro de saúde de Leiro para denunciar o desmantelamento sanitario levado a cabo polo goberno da Xunta de Galicia, encabezado por Núñez Feijóo. Os socialistas denunciaron que Leiro perdeu un facultativo de atención primaria polo que instan ao goberno galego a que cobra esta baixa laboral con carácter de “urxencia”, garantindo as dúas prazas de médico ante casuísticas como a baixa laboral, vacacións ou xubilación.

A primeira en tomar a palabra foi a deputada socialista no Parlamento de Galicia, Marina Ortega, que fixo fincapé en que “hoxe estamos en Leiro por un motivo de xustiza como é reclamar o fin do desmantelamento sanitario que o PP está a levando a cabo neste municipio”. A parlamentaria autonómica apuntou a que “os veciños e as veciñas de Leiro merecen unha sanidade pública de calidade e en igualdade de condicións ao resto de concellos”. Tamén puxo o foco no momento de pandemia que estamos a padecer, alegando que “non podemos permitir que se recorte na nosa sanidade pública e que a veciñanza o sufra no medio dunha situación socio sanitaria como a que estamos a vivir”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ortega considera “urxente” que o goberno galego dea un paso ao fronte e “deixe atrás” a política de recortes na sanidade pública e nos servizos no rural, xa que considera que “é o que máis lle doe a veciñanza”. A parlamentaria socialista apunta a que esta situación deixa entrever “un trato desigual para a veciñanza de Leiro” e salienta que “non pedimos máis nin menos, senón os mesmos servizos que ten a veciñanza doutras cidades e concellos”. Finalizou apuntando a que “polo feito de vivir no rural non se poden rebaixar os dereitos da veciñanza”.

Pola súa banda, o voceiro do grupo municipal socialista en Leiro, Manuel Rodríguez, puxo o foco no “inmobilismo” do grupo de goberno municipal ante unha situación que considera un “parche camuflado” e acusou ao rexedor do Partido Popular de “non mover un dedo pola veciñanza, non vaia ser que lle chamen a atención dende a Xunta por reclamar uns servizos sanitarios dignos”. O voceiro socialista tamén fixo fincapé en que dende o grupo municipal “seguiremos a loitar por defender os dereitos e intereses da nosa veciñanza, ante os atropelos do goberno municipal do Partido Popular”.

Rodríguez tamén lembrou que os socialistas de Leiro “levamos meses presentando iniciativas e escritos para que o Concello cumpra coa súa obriga de esixirlle á Xunta uns servizos sanitarios dignos, pero atopámonos de pleno co rexeitamento do alcalde e do seu grupo de goberno”. Neste senso puxo de manifesto que tanto as mocións como os escritos presentados “non foron tomados en consideración”.

Por último o deputado provincial socialista na comarca do Ribeiro e vicevoceiro do grupo provincial socialista na Deputación de Ourense, Nacho Gómez, apuntou a que o PSdeG-PSOE de Ourense “é o dique de contención contra todos os atropelos do PP” e sinalou tamén que “somos o único grupo que fai oposición, namentres outros presumen, pero cando chega o momento non aparecen para reclamar uns servizos dignos como si facemos os socialistas”.