A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde asinaron esta semana un convenio de colaboración
O convenio fixa un orzamento de case 330.000 euros para a materialización da actuación coa que se pretende construír unha nova zona de ocio e descanso para os veciños
A Xunta de Galicia licitará este outono as obras de urbanización dun novo parque público no lugar de Outeiro Cruz, no concello da Arnoia, cun orzamento previsto de case 330.000 euros
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta previsión ao alcalde, Rodrigo Aparicio, ao que recibiu esta semana na Consellería para asinar o convenio de colaboración polo que se executarán estes traballos, o que permite avanzar na tramitación da actuación.
O parque ocupa unha parcela situada entre o adro da Igrexa parroquial de San Salvador, o tanatorio, a estrada OU-402 e o centro de día, polo que é unha zona moi visitada pola veciñanza que convén humanizar e mellorar para facilitar este tipo de servizos, ademais de proporcionar unha área de ocio e descanso.
Así, proponse a creación dun parque público, con ramplas para facilitar o acceso, novos pavimentos, axardinamento, mobiliario urbano e alumeado público; polo que será necesario rozar, limpar e nivelar os terreos, ampliar a rampla que facilita o acceso ao centro de día e colocar pasamáns de aceiro inoxidable nas ramplas peonís.
Esta actuación execútase a cargo do plan Hurbe, onde o Goberno galego achega o 70% e o Goberno municipal o 30% restante, un programa impulsado pola Xunta fai máis dunha década co fin de axudar ás entidades locais a executar diferentes proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de infraestruturas de uso público e colectivo.
Tal e como lle indicou Ángeles Vázquez, o compromiso do departamento que dirixe brindando este apoio aos concellos é promover actuacións que, como esta, contribúan a dinamizar as vilas galegas e melloren a calidade de vida dos seus veciños.