O BNG esixe ao PP que poña freo á política de ameazas e “matóns” do goberno vianés

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Secundino Fernández, acompañado de Noa Presas, presentou no xulgado de paz de Viana acto conciliatorio contra o Partido Popular de Viana do Bolo e Andrés Montesinos Rodríguez ante a escalada de calumnias e ameazas

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

 Na mañá de hoxe, Secundino Fernández, voceiro municipal do BNG de Viana do Bolo, acompañado de Noa Presas, deputada por Ourense e membro da Executiva Nacional e Jose Antonio Alfonso, concelleiro, presentou no xulgado de paz de Viana un acto conciliatorio contra o Partido Popular de Viana do Bolo e Andrés Montesinos Rodríguez ante a escalada de calumnias e ameazas dos últimos meses.

Desde o BNG recordan como “xa desde antes da ilexítima moción de censura o PP de Viana adicábase a espallar calumnias e difamacións sobre o Grupo Municipal de Viana, especialmente sobre Secundino Fernández, a quen mesmo no anterior mandato levaron sen éxito aos xulgados procurando gañar un apoio social que non tiñan.”

Noa Presas recorda que “Esta situación veuse agravada nos últimos meses, especialmente desde que no mes de xuño se acusase desde as redes sociais oficiais do PP ao compañeiro Secundino de feitos graves como o uso da violencia e o enaltecemento do terrorismo, mais non quedou aí senón que se teñen repetido coaccións de todo tipo en ton ameazante máis propia de matóns que dun goberno municipal.”

Para o BNG “é inadmisíbel que a día de hoxe nin Baltar nin a dirección galega do PP desautorizase esta forma de actuar, o que amosa unha concepción da política como un feudo no que quen pense diferente non ten dereito a existir.”

Secundino Fernández recalcou que “presentamos este acto conciliatorio ante as graves acusacións, ataques e ameazas que están fora de calquera réplica política e que buscan amedrentar e amordazarnos. As concelleiras e concelleiros do BNG seguimos, a pesares das ameazas, calumnias e insultos recibidos por parte do PP e dos traidores e tránsfugas que nos buscan silenciar. O BNG vai seguir sendo a voz das veciñas e veciños de Viana e seguimos e seguiremos traballando por Viana”.

Noa Presas reiterou o apoio da Executiva Nacional ao BNG de Viana e o agradecemento polo seu esforzo.