O Psdeg-Psoe de Viana do Bolo insta ao concello a limpeza “urxente” dunha edificación en ruínas no centro da vila

O Psdeg-Psoe de Viana do Bolo insta ao concello a limpeza “urxente” dunha edificación en ruínas no centro da vila que acumula escombros dende hai unha morea de anos

Os socialistas instan ao goberno municipal a que requira aos propietarios a retirada “inmediata” dos escombros e unha limpeza “integral” para pór fin a imaxe de “total abandono”

AVANTAR ACTIVIDADES

Sinalan que no caso de que non fora posible a limpeza por parte dos propietarios, o Concello debe buscar outra solución a este “grave” problema de “estética e salubridade” en pleno casco urbano

 O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo vén de presentar unha moción que defenderá no pleno ordinario deste venres e na que insta ao Concello a retirada dos escombros dunha edificación sita na confluencia entre a rúa de San Roque e a rúa do Ferro. Os socialistas instan a que a alcaldía inicie as xestións encamiñadas a requirir aos propietarios da finca a retirada “inmediata” dos escombros e a unha limpeza “integral” da edificación. No caso de que non fora posible a limpeza por parte dos propietarios, dende o PSOE solicitan que o Concello proceda a realizar as xestións necesarias para buscar outra solución a este “grave problema de estética e salubridade para a nosa vila.

Dende o Grupo Municipal Socialista destacan que a situación desta edificación “é preocupante”, xa que segundo relatan, os escombros “levan acumulándose nesta parcela durante unha morea de anos, sen que ninguén faga nada por darlle unha solución a esta problemática, que deixa na veciñanza e nos visitantes unha imaxe de total abandono no mesmo centro de Viana do Bolo”. Os socialistas apuntan a que nin o anterior alcalde, nin o actual, nin ningún dos demais “foron quen de xestionar a retirada dos escombros que quedaron neste edificio en ruínas”.

Para os socialistas “non é de recibo” que unha rúa “céntrica e moi transitada” presente esta imaxe “negativa e de total abandono” tanto para os veciños e veciñas de Viana do Bolo como para os visitantes que recibe. Segundo relatan, esta situación “rompe coa beleza das rúas e o casco vello de Viana do Bolo”, motivo polo que esixen que se remate coa “inacción” con respecto a esta edificación para pórlle fin ao “feísmo urbanístico” dos escombros en pleno centro.

O PSdeG-PSOE de Viana considera “imprescindible” que se procesa coa actuación, xa que a maleza, escombros e demais materiais que se atopan nesa parcela poden provocar un “grave problema de insalubridade”, xa que esta edificación pode converterse “nun foco de ratas ou serpes co perigo que isto supón para a veciñanza da zona”. Por todo isto esíxenlle ao goberno municipal que busque “solucións de urxencia” para rematar coa problemática desta edificación.