O PP de Ribadavia pide a dotación de 5.000 euros para as ANPAS da vila

IES CHAMOSO LAMAS

O grupo municipal do Partido Popular de Ribadavia presenta unha moción para o seu debate no pleno do mes de setembro, que se celebrará mañá xoves 30 de setembro, na que se insta ao goberno municipal a levar a cabo unha modificación de crédito, con carácter urxente, por importe de 5000€ destinada a establecer unha liña de subvencións ás ANPAS do Concello de Ribadavia.

Os populares sinalan que “no que vai de curso, o noso grupo tivo a ocasión de falar con algunhas das ANPAS dos centros educativos do noso concello e nesas conversas, puidemos comprobar que son moitas e diversas as necesidades que as ANPAS teñen para contribuír, dentro das súas competencias, a mellorar as condicións dos servizos educativos no concello de Ribadavia. Neste sentido, entendemos que o concello debe colaborar coas asociacións de Nais e Pais de Ribadavia a través dunha liña de axudas económicas que permitan ás ANPAS a adquisición de materiais, programación de actividades ou calquera outra cuestión que redunde na mellora das condicións nas que se prestan os servizos educativos no Concello de Ribadavia.”

OZOCOgz Deseño Galego

Por todo isto, o Partido Popular de Ribadavia solicitará ao Pleno municipal que se leve a cabo, con carácter urxente, unha modificación de crédito por importe de 5000€ destinada a establecer unha liña de subvencións ás ANPAS do Concello de Ribadavia, de xeito que unha vez aprobada a modificación se suscriban convenios individuais con cada ANPA para atender de xeito particular ás necesidades de cada unha das asociacións de nais e pais dos centros educativos de Ribadavia.