Carmen Rodríguez Dacosta do grupo socialista insta á Xunta a aboar os salarios que lles adebeda ao persoal do Sergas

Carmen Rodríguez Dacosta do grupo socialista insta á Xunta a aboar “á maior brevidade posible” os salarios que lles adebeda ao persoal do Sergas polas súas contratacións fraudulentas

A deputada Carmen Rodríguez Dacosta cuantifica en máis de 350.000 mil euros as cantidades deixadas de pagar e cualifica de “vergoñento” que a Inspección de Traballo siga levantando actas de infracción e habendo condenas á Xunta nos xulgados

AVANTAR ACTIVIDADES

A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta instou hoxe a poñer fin de maneira inmediata á política de contratación irregular e fraudulenta que está a levar a cabo o Sergas. Esta situación, indica a parlamentaria socialista, “está a provocar que a Inspección de Traballo levante ano tras ano actas de infracción e que se produzan diferentes condenas nos xulgados”.

En concreto, Carmen Rodríguez Dacosta detalla que entre o ano 2015 e o ano 2020 “se realizaron un total de 1.767 contratos irregulares” a diferentes traballadores e traballadoras. A consecuencia disto, o Sergas está obrigado a realizar unha cotización de preto de 190.000 euros, que non se fixo no seu momento.

A maiores, tendo en contas estas cifras, o Sergas tería que aboarlle ao persoal afectado 4.379 días de salarios -a unha media de 80 euros ao día. En total, serían máis de 350.000 mil euros, “que a Xunta pretende aforrar furtándolle os seus dereitos aos traballadores e traballadoras”.

De feito, a deputada socialista lamenta que estes empregados sufran unha cuádruple lesión nos seus dereitos. Ademais “dunha lesión de cotización un prexuízo económico”, Carmen Rodríguez Dacosta sinala que “non se lles recoñece este tempo a efectos de antigüidade” e que, “se o traballadores percibían unha prestación de desemprego nos días non cotizados, van ter que devolverlle o importe ao SEPE”.

Carmen Rodríguez Dacosta denuncia que a esta situación chegouse despois de que o persoal do Sergas leve anos acumulando centos de contratos por días e horas, “contravindo a máis básica normativa laboral”. As irregularidades afectan fundamentalmente ao persoal estatutario do Sergas como enfermeiros e enfermeiras, persoal administrativo, celadores ou fisoterapeutas, entre outros.

Neste contexto, xa no ano 2015, o sindicato de enfermería SATSE en Ourense rexistraba unha denuncia ante a inspección de traballo contra a EOXI de Ourense, Verín, O Barco de Valdeorras. Carmen Rodríguez Dacosta recorda que “a práctica que se poñía de manifesto consistía en realizar, de maneira sucesiva e continuada, contratacións de luns a venres para cursar baixa a fin de semana e volver contratar ao mesmo traballador ao luns seguinte”.

A raíz desta denuncia, a Inspección de Traballo concluíu que o Sergas realizaba contratacións fraudulentas vinculadas ao contrato de chamada. Tamén deixaba en evidencia que este “modus operandi” supoñía unha omisión por parte da administración das cotizacións preceptivas nos días correspondentes ás fins de semana e aos festivos, e que ademais comportaba un grave risco de desprotección en caso de continxencia.

Por último, tamén afirmaba que se menoscababan dereitos dos traballadores como o dereito de descanso semanal e que se lles causaban prexuízos derivados do menor tempo cotizado.

Neste escenario, a inspección levantou acta de liquidación de cotas e obrigou a administración a corrixir a fraude e aboar as cotizacións á seguridade social.

Con todo, Carmen Rodríguez Dacosta alerta de que “a Xunta non só segue a repetir ano tras ano esta práctica fraudulenta senón que ademais non lle aboa aos traballadores os salarios correspondentes a estes días”. A deputada socialista lamenta que isto “obrígaos a formular unha nova reclamación salarial ante a administración, a  interpoñer un recurso de alzada ao ser desetimada e, por último, a formular unha demanda ante o xulgado contencioso administrativo”.

Neste escenario, o xulgado acaba estimando as demandas formuladas e condenando a costas á administración e confirma a contratación irregular levada a cabo polo Sergas, algo que “debería avergoñar ao goberno galego”.

Na mesma liña, Carmen Rodríguez Dacosta denuncia que “o mesmo está a acontecer cando unha traballadora pide dereito á lactancia” e debe “reclamar os pluses que a administración lle desconta nun dereito tan básico e fundamental na loita pola igualdade”.