
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu hoxe desde o Pazo Provincial a primeira reunión do Comité asesor de Cultura da provincia de Ourense, un órgano impulsado polo goberno provincial e que ten como obxectivo pór en marcha, coa cooperación dos diferentes representantes culturais da provincia, un Plan de reactivación do sector cultural en Ourense de face á etapa poscoronavirus.
A reunión contou coa participación do presidente Baltar e de representantes de 25 entidades, actores, xestores culturais, cantantes, directores de teatro, técnicos e produtores artísticos. Todos eles, por vía telemática, avaliaron neste foro a actual situación no ámbito da cultura ourensá e puxeron sobre a mesa proxectos e iniciativas para relanzar este importante sector de actividade económica na provincia de Ourense.
Ourense e cultura son sinónimos e ademais, neste 2020, no que cumprimos cen anos da aparición da revista Nós, esa cultura ten que ter un protagonismo absoluto, dixo Baltar, sinalando que desde a Deputación imos seguir impulsando medidas a pesar da crise, e de aí o sentido desta videoconferencia con representantes do sector cultural, para coñecer as súas propostas e para que saiban que a Deputación de Ourense, que mantén unha liña política contundente na cultura, vai seguir apostando por ela con maiúsculas

O presidente do goberno provincial avanzou que o goberno provincial xa traballa nunha reprogramación de actividades,somos sensibles -destacou- ás iniciativas que nos chegan do ámbito da cultura e cremos que nos meses que quedan deste 2020 seremos capaces de reactivar este sector, tan importante como o do turismo ou o agroalimentario, como todos aqueles con os que mantivemos este tipo de reunións que son enriquecedoras e que van de man do Comité do Día Despois, que creamos cos empresarios e os autónomos para fixar unha folla de ruta de reactivación económica da nosa provincia, afirma.
Neste sentido, Baltar aludiu ás axudas que puxemos en marcha e outras iniciativas que tamén aproveitarán os axentes culturais, como tamén o Hospital de Emprendedores, que impulsamos desde o centro cultural Marcos Valcárcel para que poidan, durante tres meses e de maneira gratuíta, superar a difícil situación económica que padecen e divisar un futuro prometedor .
Na reunión de hoxe, ademais do presidente Baltar, participaron: Acisclo Novo, escultor; Alexandre Sotelino, asociación Rebulir; Patricia Torres, deputada de Cultura; Antonio Piñeiro, técnico de Cultura; Aurelio Branco, Instituto de Estudos Valdeorreses; Aurelio G. Villar, asesor de Cultura da Deputación; Carlos Montero, Festival Curtas de Verín; David Pedrouzo, Café Torgal; Emilio Rúa, cantautor; Fina Quella, Sarabela Teatro; Javier Casares, Liceo de Ourense; José Antonio Viñas, Queixumes dous Piñeiros; José Luís Tielas, director da Banda de Xinzo; José Manuel Fritiría, produtor artístico; Josi Lage, actriz; Juan Luís Saco; Fundación Otero Pedrayo; Juan Rivas, Ourense ICC WEEK; Luís G. Tosar, escritor; Maria do Ceo, cantante; Mariana Carballal, actriz; Miguel Anxo Fernández, OUFF; Roberto Pascual, MIT Ribadavia; Ruben Varren, Ourenrock; Samuel Lago, Coral de Ruada; Sergio Pazos, actor, e Perico Asorey, actor e director teatro.
Xunto a este Consello asesor de Cultura, a Deputación de Ourense xa celebrou a reunión do Consello asesor de Turismo, no que se puxo en valor as excelencias da nosa provincia coa lema: Ourense, destino seguro, unha iniciativa que distinguirá, por medio deste distintivo turístico a garantía de salubridade dos establecementos hostaleiros e de restauración da provincia de Ourense que se acollan a esta iniciativa. Neste sentido, os requisitos legais e normativos serán avaliados mediante os protocolos internos que recollen a evidencia legal e científica sobre o COVID-19 e desta maneira, os establecementos disporán, se cumpren a normativa en materia de seguridade sanitaria, do recoñecemento que os distinguirá co label LocalSafe Verificado COVID-19.
Nesta mesma liña celebrará o seu primeiro encontro -por vía telemática- o próximo 25 de maio o Consello asesor de Deportes. Este órgano consultivo, presidido por Manuel Baltar, reunirá a representantes de entidades e clubs, así como deportistas e xestores deportivos, para analizar calendarios, formatos e cuestións organizativas dos eventos deportivos de face ao final do estado de alarma e para cando sexa posible renovar as competicións. E, igualmente, para o 27 de maio, na estratexia do goberno provincial de seguir desenvolvendo medidas para a recuperación económica, Manuel Baltar convocará unha reunión sectorial do ámbito agroalimentario da provincia de Ourense para analizar a situación actual e as iniciativas que se poden implementar para reforzar a competitividade deste importante sector económico, tras a fase crítica da pandemia do COVID-19.