Galicia conta con 37 selos de denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida
A Xunta impulsa unha Lei de Calidade Alimentaria, que avanzará no desenvolvemento rural, na creación de emprego e na diversidade produtiva. Con ela, entre outras finalidades, buscarase aumentar a competitividade dos produtos galegos e facelos máis atractivos dentro dun mercado cada vez máis esixente. Dende a administración galega coidan a materia prima cun primeiro paso de selección para conseguir a excelencia, outorgando os distintivos de denominación de orixe protexidas e indicación xeográfica protexida, que terán especial pulo con esta nova Lei.
Galicia destaca como comunidade turística, e entre os seus atractivos, o que máis destaca é a súa gastronomía. Por iso é tan importante mimar os produtos autóctonos. Conta, nada máis e nada menos, con ata 37 selos de denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida. Os produtos de calidade son unha das mellores ferramentas para asegurar o futuro do medio rural galego, emprender novas vías de desenvolvemento e reinventarse e facerse atractivo.
Carnes de calidade
O Selo Ternera Gallega é a indicación xeográfica máis importante de España, e conta coa distinción tamén de “Suprema”. A súa diferenciación incrementouse co nacemento da Indicación Xeográfica Protexida Vaca gallega e Buey gallego no ano 2017 para garantir a súa orixe de calidade.
No sector porcino contamos coa IXP Lacón Gallego e no avícola, o selo do Capón de Vilalba. Galicia conta tamén con razas autóctonas de gran calidade, como as de gando vacún (Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa), ovino (Ovella Galega), cabrún (Cabra Galega), aviar (Galiña de Mos), equino (Cabalo de Pura Raza Galega) e porcino (Porco Celta).
Leite e queixos galegos diferenciados
“Galega 100%” é o indicativo do leite de explotacións autóctonas. A súa promoción céntrase en eventos gastronómicos e deportivos, para destacar os seus beneficios para a saúde. Tamén destacan os queixos, como as denominacións de orixe Arzúa-Ulloa, Cebreiro, Tetilla e San Simón da Costa.
Produtos da terra
O agro produce froitos como os pementos de Herbón, O Couto, Oímbra, Arnoia e Mougán, amparados baixo o selo da denominación de orixe o primeiro e indicación xeográfica os restantes. Os Grelos de Galicia, frescos, conxelados ou en conserva; as patacas, castañas ou o mel; a Faba de Lourenzá, o Pan de Cea e a Tarta de Santiago.
A Agricultura Ecolóxica é un indicativo máis e recente e consiste nun sistema de produción baseado no respecto ao medio ambiente, ao benestar animal e ao mantemento e mellora da fertilidade do solo.
Promoción dos produtos do mar
Aquí atopamos o Mexillón de Galicia, regulada na lexislación europea e sometido a un rigoroso control de calidade.
A pesar de non contar con distintivo, a comunidade conta cunha ampla carta de produto de calidade no mar. Para a súa promoción a Xunta de Galicia puxo en marcha campañas como “Galicia sabe amar” no ano 2021. Este ano contou con catro foodtrucks que levaron a máis de 350.000 persoas de Galicia e España petiscos para desfrutar da nosa gastronomía.
Tamén está a marca “pescudarías ¿de onde se non?”, para difundir os peixes e mariscos da frota artesanal, un modelo de pesca sustentable, desenvolvendo campañas de divulgación en prazas de abastos.
Galicia vitivinícola
A comunidade conta con cinco denominacións de orixe de viño: Ribeiro, Valdeorras, rías Baixas, Ribeira Sacra e Monterrei. Tamén contamos con viños con indicación xeográfica, “Viños da Terra”: Barbanza e Iria, Betanzos, Val do Miño-Ourense, Ribeiras do Morrazo e Terras do Navia, recentemente aprobada pola Comisión Europea.
Os licores e augardentes galegos tamén están protexidos dentro da colección de espirituosos.
Marca Artesanía Alimentaria
É unha nova regulación específica que recoñece as producións artesanais para evitar que se empregue o termo “caseiro” ou “feito na casa” de xeito inadecuada. Reúne a 16 grupos de produtos entre os que están os lácteos, cárnicos, pesca e acuicultura, viños, licores, sidra, cervexa, panadaría e confeitaría entre outros.
Esixe que os procesos sexan tradicionais, con presentación singular e respecto da norma técnica aprobada para cada produción.