A rede municipal de sumidoiros de Ribadavia foise estendendo paulatinamente e tamén se foi renovando para tratar de chegar aos múltiples puntos nos que se xeran augas residuais, así como para dar cumprimento ás normativas ambientais que obrigan a que todas as augas residuais sexan recollidas e tratadas nunha estación de depuración de augas residuais.
Sen embargo no noso concello este proceso aínda non se completou, pois existen numerosas vivendas, non só edificacións illadas se non mesmo núcleos de poboación enteiros, e incluso instalacións de uso municipal, que non se atopan actualmente conectados á rede de sumidoiros e nos que as augas residuais continúan a verterse ao medio ambiente, mesmo directamente a cursos de auga, sen ser sometidos a ningún tratamento de depuración.
Esta responsabilidade institucional non se restrinxe só ao Concello, a administración autonómica conta coas competencias en materia de abastecemento e saneamento, que exerce a través da entidade Augas de Galicia. Esta entidade percibe os tributos correspondentes como o canon da auga, polo que tamén debe cofinanciar estas actuacións que propomos para completar a rede municipal de saneamento.
Por estes motivos propomos ao Pleno do Concello de Ribadavia a adopción dos seguintes ACORDOS:
1. Demandar a elaboración e execución dun Plan de remate da rede municipal de sumidoiros e a súa conexión integral coa estación depuradora de augas residuais do concello de Ribadavia.
2. Demandar da entidade Augas de Galicia o financiamento necesario para completar dito plan.