O delegado territorial da Xunta Gabriel Alén participa no primeiro comité asesor de ‘Sportur Galicia’, o ‘IV salón do deporte e turismo activo’

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá por videoconferencia no primeiro comité asesor de Sportur Galicia, o IV Salón do Deporte e Turismo Activo que organiza Expourense coa colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte, da Axencia de Turismo de Galicia, da Deputación Provincial de Ourense e do Concello de Ourense, e que se desenvolverá en Expourense entre o 19 e o 20 de novembro de 2021.

Estas xornadas buscarán analizar as claves para a reactivación do turismo activo e deportivo, compartir protocolos de seguridade e boas prácticas ou aproveitar as oportunidades que os cambios nos intereses e necesidades do viaxeiro, logo da pandemia, abriron para estes sectores. Neste senso, o salón contribúe a promocionar Galicia como destino activo e seguro onde o binomio turismo e deporte da sempre moi bos resultados.

AVANTAR ACTIVIDADES

No comité asesor participaron unha quincena de representantes de entidades colaboradores e asociacións que achegaron os distintos temas que se abordarán nas xornadas técnicas.

Esta cita contará cunha superficie expositiva na que promocionar destinos de España e Portugal vencellados ao deporte e ao turismo activo e tamén participarán federacións e asociación deportivas galegas, e complementarase coa celebración dunhas xornadas técnicas que abordarán a actualidade do sector e que servirán de antesala para o Congreso Internacional de Turismo Deportivo que Deporte Galego vai organizar en Ourense en 2022.