Pablo Arangüena do grupo socialista reclámalle á Xunta que “abandone o escapismo e a inacción” e cumpran coas súas obrigas fronte ao baleirado dos encoros

Pablo Arangüena advirte que a imposición de multas por 25.000 euros impide sancionar despois por 2 millóns de euros polo principio xurídico “non bis in idem

Publicidade

O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, reclamoulle hoxe á conselleira de Medio Ambiente que “abandonen o escapismo e a inacción e cumpran coas obrigas que establece a súa propia lexislación” fronte ao baleirado dos encoros. O responsable socialista presentou unha interpelación no Pleno do Parlamento polo “cinismo insoportable” despregado polo presidente da Xunta con esta cuestión.

O responsable socialista lembrou que o goberno galego dispón das leis de Pesca Continental, a Lei de Protección Ambiental e a Lei de Augas de Galicia para actuar fronte ao baleirado dos encoros, que coñeceron un mes antes de se ter producido. Subliñou que “se Feijóo di que o baleirado é unha cousa tremenda e non actúa, entón prevarica por inacción” e evidencia que prefiren “tender unha cortiña de fume para tapar as vergoñas da Xunta de Galicia”.

Sinalou que a xestión do goberno galego neste asunto “amosa un nivel de falsidade, irresponsabilidade e escapismo impropios dun goberno democrático e roza a prevaricación” por inacción. Lembrou que o presidente da Xunta “mentiulle a Galicia” cando negou coñecer do baleirado do que lles informaran a comezo do verán tanto Iberdrola como a Confederación Hidrográfica, o que “debera dar lugar a responsabilidades”.

Reclamoulle ao goberno galego que exerza coas súas competencias na defensa do medio ambiente, que lle habilitan a actuar de oficio, porque “teñen que actuar e non agardar a que alguén llelo comunique nin presentar expedientes cosméticos para tapar as súas vergoñas”. Lembrou que gardaron 70 días en anunciar uns expedientes “ridículos”, pero levan xa 110 días sen determinar as medidas que teñen que tomar as concesionarias dos encoros.

Non bis in idem

Arangüena lembrou que ao impoñer os expedientes de sanción xa non poderán multar por segunda vez por moito que a conselleira fale de multas de ata 2 millóns de euros. O principio xurídico non bis in idem, sinalou, impide sancionar os mesmos feitos por dúas veces, o que anticipa un “ridículo espantoso para unha administración que mete a pata ata a cintura non sabemos se por incompetencia ou pola amizade de Feijóo co presidente de Iberdrola”.

O parlamentario socialista subliñou que a Xunta é a administración competente e con capacidade para actuar neste caso, como evidencia que o goberno acaba de modificar o artigo 55 da Lei de Augas estatal, porque antes “non lle permitía actuar”. Reclamou “luz e taquígrafos” sobre “o que fixo e non fixo a Xunta e o Estado”, e criticou que logo das declaracións “tremendas” do presidente da Xunta se teñan negado a investigar a súa actuación dende o Parlamento.