Néstor Rego voceiro do BNG no Congreso urxe a RENFE para recuperar as liñas de tren en Ourense

Néstor Rego reclama ao Ministerio de Transportes que se restabelezan as frecuencias anteriores á pandemia para mellorar a conexión ferroviaria do interior da Galiza

Publicidade

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas para recuperar as conexións de larga distancia e tren hotel e as frecuencias e horarios completos do AVANT, especialmente o tren das 6.45h que posuía unha alta demanda entre as e os ourensáns. As liñas de larga distancia foran suspendidas y as frecuencias do AVANT reducidas no confinamento do ano pasado, atendendo á baixada da mobilidade daquela altura, mais agora, os desprazamentos recuperáronse polo que  RENFE debe reinstaurar todas as conexións ferroviarias.

Co gallo da crise xerada pola pandemia da COVID-19, o Goberno do Estado suprimiu diferentes liñas de ferrocarril na Galiza. Así, a formación nacionalista leva reclamando durante os últimos 8 meses retomar as conexións de longa distancia e tren hotel, así como tamén, as frecuencias suprimidas no resto de conexións “A sociedade galega e especialmente a que vive en Ourense leva anos sufrindo unha política ferroviaria que non dá prioridade ao artellamento do territorio e mesmo non corrixe agravios históricos como a falta dun servizo de ferrocarril que permita conectar as principais cidades e vilas do noso país” salienta o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.

Por este motivo, o BNG presenta iniciativas no Congreso sobre as frecuencias e horarios do ferrocarril en Ourense e con especial atención a reclamar a recuperación da liña de AVANT das 06.45h suspendida desde que se puxeron en marcha as restricións de mobilidade derivada da pandemia da COVID-19. “Esta liña é empregada por moitas traballadoras e traballadores que viven en Ourense mais que se teñen que desprazar até Santiago ou A Coruña para a súa xornada laboral. Mesmo moitas estudantes de Ourense realizan este mesmo desprazamento diario para  acudir a Universidade e esta liña era a que mellor se adecuaba ao horario universitario e laboral” asegura Rego.

“Estas son as consecuencias de obedecer a un modelo de desenvolvemento centralista que prioriza a conexión con Madrid no lugar de primar as conexións na Galiza, que precisa dun tren de proximidade que interconecte as principais vilas e cidades entre si, con liñas e frecuencias acaídas” subliña o deputado nacionalista. Así mesmo, a organización frentista destaca que a política centralista afecta de maneira negativa ao asentamento de poboación no interior do país posto que, sen conexións co resto de cidades e vilas, vénse obrigados a desprazarse en vehículo particular ou mesmo irse a vivir fora de Ourense.