Bolsa de traballo para contratación de Operarios de Emerxencias no concello do Carballiño

Publicase hoxe no BOP

Conforme coas bases reguladoras para procesos selectivos e configuración de bolsas de emprego do Concello do Carballiño, aprobadas por resolución da Concellería Delegada de Persoal, convócanse os postos de traballo ofertados no anexo I que se xunta a este anuncio e que en resumo son os seguintes:

AVANTAR ACTIVIDADES

N.º postos ofertados; Denominación; Duración estimada; Taxas Bolsa emprego; Operario/a grupo de emerxencias municipal; Segundo necesidades; 2,74 €

Do mesmo xeito e tendo en conta as mesmas bases publícase tamén o anexo II correspondente ás baremacións de méritos comúns para todos os procesos. Os ditos anexos aprobáronse mediante resolucións da Concellería Delegada de Persoal, xunto cunha redución do prazo de presentación de instancias pola urxencia dos procedementos e que será de 5 días hábiles contado desde o día seguinte ao publicación deste anuncio no Boletín Oficial da Provincia de Ourense.

A presentación de solicitudes poderá facerse no rexistro xeral do concello ou mediante calquera das formas establecidas no art. 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE 02/10/2015).

As solicitudes que se presenten a través da oficina de Correos deberán entregarse nun sobre aberto para que sexan seladas e datadas polo funcionario de Correos antes de seren certificadas. De presentarse nun rexistro distinto do rexistro xeral municipal será obrigatorio comunicarlle por fax ao concello a presentación da dita instancia así como a xustificación, de ser o caso, do pago das taxas efectuado e sempre dentro do prazo de presentación de solicitudes.

No referente ás taxas e ás bonificacións relativas a estas estarase ao disposto na Ordenanza reguladora da taxa por dereitos de exame do Concello do Carballiño para o ano 2021.

O resto da información pode consultarse no taboleiro de anuncios e/ou na páxina web municipal www.carballino.gal

ANEXO I

Postos de traballo ofertados Operarios de emerxencias, grupo “outras agrupacións profesionais” –bolsa de emprego

1.1. Requisitos para o desempeño do posto Ademais dos requisitos xerais sinalados na base décimo primeira, os aspirantes a este posto deberán estar en posesión da titulación de: permiso de conducir clase C.

1.2. Centro de traballo Instalacións e vías públicas do Concello do Carballiño.

1.3. Exercicios da fase de oposición Primeiro exercicio. De carácter obrigatorio e eliminatorio. Consistirá en contestar por escrito 50 preguntas tipo test con catro respostas alternativas propostas polo tribunal e correspondentes ao contido do programa. O tempo máximo de realización da proba será dunha hora (60) minutos. Puntuarase 0,20 puntos por cada pregunta acertada. A puntuación máxima desta proba será de 10 puntos. Por cada catro respostas erróneas descontarase unha correcta ou no seu caso, a súa parte proporcional. As respostas en branco non se terán en conta. Segundo exercicio. De carácter obrigatorio e eliminatorio. Consistirá na resolución dun caso práctico proposto polo tribunal relacionado co contido do programa no tempo que determine o tribunal. Cunha puntuación máxima de 10 puntos. 1.4. Programa Materias comúns 1. A Constitución española de 1978. Título I “Dos dereitos e deberes fundamentais”. 2. O municipio. O termo municipal. 3. A organización municipal. Órganos unipersoais e órganos colexiados.

Materias específicas 1. Protección civil. Funcións básicas e organización da Protección Civil en Galicia (Capítulos IV-VI do Plan territorial de emerxencias de Galicia). 2. Planificación en Protección Civil: plans de emerxencia municipal. 3. Incendios urbanos: teoría do lume, tipos de lume, equipos e medios contra incendios. 4. Incendios forestais: tipos de incendios forestais, comportamento do lume, actuacións de prevención, métodos e medios de extinción. 5. Accidentes de tráfico e excarceración. 6. Mercadorías perigosas: clasificación, principais riscos, identificación, transporte e intervención en accidentes con mercadorías perigosas. 7. Fundamentos de primeiros auxilios: concepto e clases, soporte vital básico e atención inicial nas emerxencias. 8. Plans de autoprotección: contido mínimo dos plans de autoprotección (Decreto 171/2010, do 1 de outubro, sobre plans de autoprotección na Comunidade autónoma de Galicia). As preguntas sobre materias comúns non poderán representar máis do 10% das totais.

Anexo II

Baremación de méritos A) Experiencia profesional. Máximo 5 puntos. – Por servizos prestados na Administración local, en postos de traballo de igual ou similar categoría e contido profesional ao convocado: 0,20 puntos/mes de servizos prestados. Puntuación máxima neste apartado 2,50 puntos. – Por servizos prestados na Administración do Estado ou comunidades autónomas, en postos de traballo de igual ou similar categoría e contido profesional ao convocado: 0,10 puntos/mes de servizos prestados. Puntuación máxima neste apartado 2,50 puntos. – Por servizos prestados na empresa privada, en postos de traballo de igual ou similar categoría e contido profesional ao convocado: 0,05 puntos/mes de servizos prestados. Puntuación máxima neste apartado 2,50 puntos. A experiencia profesional deberá acreditarse mediante unha certificación, expedida pola Administración pública na que prestou servizos, facendo constar o posto de traballo que desempeñou e o cómputo total de días, meses ou anos traballados; e certificado de empresa ou contratos de traballo, acompañados calquera dos documentos anteriores do certificado de vida laboral expedido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social, nos supostos de experiencia profesional na empresa privada. Os aspirantes achegarán cando se requira para a fase de baremación unha relación dos méritos que aleguen, acompañando os documentos xustificativos destes, orixinais ou fotocopias compulsadas (se as fotocopias non veñen compulsadas deben facerse no concello), xa que non se tomarán en conta nin serán valorados aqueles que non queden debidamente acreditados, dentro do prazo de presentación que se habilite para os estes. B) Méritos académicos. Máximo 1 punto. – Por posuír titulación superior á requirida para o acceso ao posto ofertado: 1 punto. C) Circunstancias familiares. Máximo 1,50 puntos. – Por cada membro da unidade familiar a cargo do solicitante que non dispoña de rendas ou ingresos, ou estes sexan inferiores ao salario mínimo interprofesional: 0,25 puntos/membro, ata un máximo de 1 punto.

O que se entenderá segundo as normas do IRPF e será acreditado coa declaración da renda do último período impositivo ou documento de valor análogo e oficial onde faga constancia da dita acreditación. – Por cada mes en situación de desemprego 0,10 puntos/mes ata un máximo de 1,50 puntos. O que se deberá acreditar mediante certificado/informe do Servizo Público de Emprego actualizado no que conste a situación actual de demandante de emprego do candidato e o período en días/meses/anos inmediatamente anteriores ao da presentación da dita acreditación e de forma continuada nesa situación. D) Cursos de formación. Máximo 2,50 puntos. De máis de 150 horas de duración ou de máis de 15 créditos: 0,30 puntos por curso. De entre 100 e 150 horas de duración ou entre 10 e 15 créditos: 0,25 puntos por curso. De entre 60 e 99 horas de duración ou entre 6 e 9 créditos: 0,20 puntos por curso. De entre 30 e 59 horas de duración ou entre 3 e 5 créditos: 0,15 puntos por curso. De entre 10 e 29 horas de duración ou entre 1 e 2 créditos: 0,10 puntos por curso. Neste apartado computarase a asistencia a cursos de formación e perfeccionamento organizados por centros oficiais dependentes da Administración do Estado, comunidade autónoma e Administración local, universidades, colexios oficiais ou escolas de administración públicas, directamente relacionados co posto ofertado. (Incluídos os organizados polos sindicatos no marco do acordo nacional de Formación Continua). Non se terán en conta os certificados ou diplomas nos que non se especifique a duración do curso en créditos ou en número de horas. Tampouco se computarán os cursos cunha duración inferior a un crédito ou 10 horas.