O Psdeg-Psoe reclamará no pleno municipal que a Xunta inste á universidade privada de Abanca a retirar as titulacións iguais ou similares ás do campus de Ourense

“As universidades públicas ou privadas son beneficiarias de fondos públicos por múltiples vías, e dedicar recursos públicos a unha privada en Galicia significa favorecer os intereses especulativos da banca”

Os socialistas acusan ao goberno galego de facer “oídos xordos” e amosar “lasitude” no cumprimento dos requisitos básicos para a posta en funcionamento da Universidad Internacional de la Empresa

 O PSdeG-PSOE de Ourense levará unha moción ao vindeiro municipal para reclamar que a Xunta de Galicia inste á Universidade privada de ABanca a retirar aquelas titulacións iguais ou similares ás ofertadas no Campus de Ourense, posto que “vulnera a propia Lei do Sistema Universitario de Galicia, que sinala que o catálogo de titulacións ofertadas polas universidades de nova creación deberá ser complementario e non reiterativo”.

Publicidade Premer na Imaxe

Os socialistas aseguran que o mapa de titulacións ofrecido por esta “seudouniversidade” é “especialmente lesivo” para o campus ourensán, ao ofrecer tres titulacións de grao e posgrao xa existentes na cidade, como son o Grao en Administración e Dirección de Empresas (ADE), impartido na Facultade de Ciencias Empresariais; o Diploma Avanzado en Relacións Internacionais, contido previsto para a nova Facultade de Relacións Internacionais de Ourense; e un máster de Digital Management, relacionado co Big Data e a Intelixencia Artificial, directamente vinculado coa Escola de Informática.

“As universidades, públicas ou privadas, son beneficiarias de fondos públicos por múltiples vías, e dedicar recursos públicos a unha universidade privada en Galicia significa favorecer os intereses especulativos da banca, restando recursos docentes e investigadores, tan necesarios nas tres universidades públicas galegas, para darllos a un negocio que busca o enriquecemento privado”, defendeu o concelleiro Xosé Rúas, propoñente da moción. “Todos os cartos que se empreguen en favorecer universidades privadas en Galicia, son cartos que deixan de empregarse nas nosas universidades públicas.

Así as cousas, os socialistas entenden que se trata dunha universidade “de cuestionable interese público” e que, nos termos nos que se propón, “non vén cubrir ningunha carencia do sistema universitario galego, máis aló de tratar de competir coa intención de restarlle alumnado aos centros e titulacións públicos, cunha evidente vantaxe de partida e favoritismo por parte do goberno de Núñez Feijoo”.

Rúas asegurou que, malia o rexeitamento á aprobación da Universidad Internacional de la Empresa (UIE) expresado unanimemente polos reitores das tres universidades galegas e mesmo polo Consello Económico e Social de Galicia (CES), o goberno de Feijoo e a Consellaría de Educación “fixeron oídos xordos”, “amosando unha clara lasitude no cumprimento dos requisitos básicos para a aprobación e posta en funcionamento da devandita universidade privada”.

“O acceso á universidade non pode converterse nun negocio en mans do capital especulativo, ao que favorece o goberno de Núñez Feijóo, mentres o campus de Ourense está a sufrir un revés tras outro nas súas demandas de incremento da oferta educativa”, concluíu o edil Xosé Rúas.