Colectivos de memoria solicitan reunións co Subdelegado do Goberno e o Delegado da Xunta para a recuperación do Cárcere de Ourense

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

As asociacións Amigos da República de Ourense, Comité pola Memória Histórica do Val do Límia e Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova convidan ao activismo pola memoria histórica a sumarse á súa reivindicación.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

OURENSE, 11 de OUTUBRO de 2026.

Amigos da República de Ourense, Comité pola Memória Histórica do Val do Límia e Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova vimos de solicitar por carta sendas entrevistas co Subdelegado do Goberno en Ourense e co Delegado Territorial da Xunta de Galiza en Ourense para lles trasladar en persoa a nosa proposta para a recuperación do vello Cárcere de Ourense. A proposta consiste en que se incoen de oficio os procedementos para a declaración do edificio como Lugar de Memoria e como Ben de Interese Cultura, e que así lla trasladen aos organismos competentes no Goberno do Estado e do Goberno galego, iniciativa á que convidamos a se sumar ao todo o activismo pola memoria histórica da provincia.

Suso Vaamonde sae do cárcere de Ourense en 1984

Agora que se iniciou a fase de consulta pública do expediente de declaración do Campo de Aragón en Ourense como lugar de memoria, cobra todo o seu sentido a reivindicación do Cárcere de Ourense como lugar de memoria en canto a elemento central da represión na cidade e na provincia antes e durante a institucionalización da Prisión Central de Celanova.

Chama a atención que en todo o expediente sobre o Campo de Aragón non se faga referencia algunha ao Cárcere de Ourense, por onde pasaron a maioría dos presos fusilados na explanada do cuartel de San Francisco, nin tampouco á Prisión Central de Celanova cando si se dá a referencia de Camposancos e do Cumial.

É un erro estratéxico por parte dos promotores da declaración non ter incorporado dous espazos clave a promover como lugares de memoria na provincia de Ourense, que inda se pode corrixir para subliñar o interese sobre a recuperación do Cárcere de Ourense, tarefa sen dúbida urxente e irrenunciábel.

Manuel García Rodríguez, guerrilleiro, executado a garrote vil en 1959 (o último executado en Galiza)

Por iso parécenos bo momento, e xa non haberá moitos máis pola acelerada degradación do edificio, para trasladar persoalmente ao Subdelegado do Goberno en Ourense e ao Delegado Territorial da Xunta en Ourense a nosa proposta, lanzada á opinión pública e que encontrou eco inmediato no PSdG da cidade de Ourense, para incoar as declaracións de Lugar de Memoria, por parte do Estado, e de Ben de Interese Cultural, por parte da Xunta, do edificio do vello cárcere provincial e acometer canto antes a rehabilitación do mesmo.

Colectivos asinantes: Amigos da República de Ourense, Comité pola Memória Histórica do Val do Límia, Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------