Nota da Ceo sobre os datos de paro en setembro

En España

 A nivel nacional o paro descendeu en 76.113 persoas, situando a cifra total de desempregados rexistrados na oficina de emprego en 3.257.802.

AVANTAR ACTIVIDADES

 Esta baixada supón un 2,28% menos en comparación co mes anterior, e un 13,73 menos se a comparación é anual.

 A Seguridade Social contabiliza un total de 19.531.111 afiliados tras un aumento medio en setembro de 57.387 cotizantes

 Continúan en ERTE 239.230 persoas, unhas 33.000 menos que no mes anterior, e principalmente relacionadas con actividades como restauración, aloxamento, turismo e viaxes.

En Galicia

 Aínda que a baixada do paro foi xeneralizada a nivel nacional, Galicia e outras 5 comunidades ademais da cidade autónoma de Melilla non seguen esta tendencia e rexistraron aumentos nas cifras de desemprego.

 Galicia atópase no segundo lugar destas comunidades con menor incidencia desta subida, rexistrando un 1,18% de aumento, entre Andalucía que suma un 0,55% e Baleares cun 1,41, sendo a comunidade con maior aumento do paro Asturias, cunha subida do 4,12%.

 En Galicia, a suma de desempregados sitúase en 153.054, tras incorporar 1.790 persoas no mes de setembro. En termos anuais, a evolución do desemprego si reflicte un descenso, que é do 13,32% e tradúcese en 23.520 persoas menos nesta situación en relación a setembro de 2020.

 Todas as provincias galegas rexistran un aumento nas listas de desempregados, aínda que cunha pinza ampla que vai desde as 58 persoas en Pontevedra ás 983 de Coruña. Ourense e Lugo suman 194 e 555 persoas, respectivamente, ás listas do paro.

 A afiliación en Galicia en xullo situouse en 1.034.229 persoas, o que supuxo un descenso de 5.241 afiliados con respecto ao mes anterior. A variación anual lanza un aumento de afiliados de 22.430 (2,22% con respecto a setembro de 2020).

 Na comunidade, contabilízanse aínda un total de 9.842 persoas baixo a figura do ERTE.

En Ourense

 En Ourense o paro aumentou no mes de setembro en 194 persoas, un 1,11%, situando a cifra de desempregados na provincia en 17.607.

 Ourense contabiliza un total de 103.802 afiliados á Seguridade Social tras o descenso de 264 afiliados do pasado mes (-0,25%). En termos interanuais a variación é positiva e suma 833 afiliados (0,81%).

 Na provincia quedan aínda 1.193 traballadores en ERTE, o que indica un descenso de 213 desde o último mes.

Comentarios sobre os datos

 Os datos non se comportan de igual maneira en todas as comunidades e, no caso de Galicia e Ourense, experimentaron un aumento no número de desempregados, o que sucede tamén noutros 5 territorios (Andalucía, Asturias, Baleares, Cantabria e Melilla).

 A pesar de ir deixando atrás a pandemia e as súas restricións, e de que a campaña de vacinación está case completada, estes feitos non se reflicten nos datos que experimenta Galicia e Ourense.

 A pesar do esforzo que realizan empresas, traballadores e sector público por recuperar a normalidade, outros datos macroeconómicos fan rebaixar o optimismo sobre a intensidade no proceso de recuperación, como unha revisión á baixa do crecemento do PIB para o segundo trimestre, do 2,8% ao 1,1%, ou máis recentemente o aumento da inflación ata o 4% en setembro, a taxa máis alta en 13 anos; feitos que provocan unha recuperación da economía menor da esperada.

 Os aumentos nos prezos da enerxía, as materias primas, ou a escaseza de microchips e outros materiais, viñeron a embazar unha recuperación que parecía enfilada tras o descenso das cifras de contagios polo virus e o fin de moitas restricións.

 A prioridade agora é consolidar unha recuperación que ten aínda indicios de incerteza, e apostar por medidas eficaces para afianzar o emprego, para facilitar a creación de empresas alixeirando as trabas burocráticas, para formar ás persoas desempregadas ou en ERTE, e para eliminar os elementos de incerteza, rixidez e incremento de custos que lastran decisións empresariais e de investimento nun curto-medio prazo.