Axudas para garantir a mobilidade xeográfica das mulleres vítimas de violencia de xénero

10,00 h.- A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, entregará ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, o Informe anual 2020 sobre violencia de xénero en Galicia e o informe anexo referido ás violencias sexuais. No despacho da Presidencia do Parlamento de Galicia (Pazo do Hórreo). foto xoán crespo 18/05/2021

A Xunta apoiará parte dos gastos nos que incorren as vítimas de violencia de xénero cando se ven obrigadas a trasladar a súa residencia por motivos laborais e tras ter cesado a convivencia cos seus agresores. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde coa convocatoria para 2021 que tamén se dirixe ás vítimas da violencia vicaria, que é exercida contra as fillas e fillos destas mulleres para facerlles dano.

Galicia é desde este ano, con Asturias, a única Comunidade que conta con axudas que favorecen o apoio económico para facilitar o traslado de residencia das vítimas de violencia de xénero por motivos laborais e a primeira en estender este tipo de apoios ás mulleres que padecen violencia vicaria, é dicir, é exercida contra os seus fillos e/ou familiares directos co obxecto de prexudicalas.  

AVANTAR ACTIVIDADES
10,00 h.- A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, entregará ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, o Informe anual 2020 sobre violencia de xénero en Galicia e o informe anexo referido ás violencias sexuais. No despacho da Presidencia do Parlamento de Galicia (Pazo do Hórreo). foto xoán crespo 18/05/2021

A Xunta quere financiar con esta nova liña dotada con 40.000 euros parte dos gastos nos que incorren as mulleres vítimas da violencia de xénero obrigadas pola súa condición á mobilidade xeográfica, en concreto a quen muda de residencia habitual como consecuencia dunha contratación por conta allea ou para establecerse por conta propia no lugar de destino.

Entre os gastos a cubrir, atópanse os derivados do desprazamento, transporte de mobiliario e enseres, aloxamento e de gardaría e atención a persoas dependentes.

Como requisitos, as beneficiarias teñen que acreditar a súa condición de vítimas de violencia de xénero e ter cesado a relación de convivencia cos seus agresores. A media dos ingresos brutos mensuais, ademais, non pode ser superior a 3,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples -Iprem- situado en 564,90 para 2021.

O importe máximo das axudas para cubrir os gastos xustificados de transporte de mobiliario e enseres e de gardaría e atención a persoas dependentes será 4 veces o Iprem vixente. En canto ao aloxamento, establécese unha contía máxima de 10 veces ese indicador.

Por medio da convocatoria, a Xunta segue a apoiar a integración sociolaboral das mulleres vítimas de violencia de xénero, ao artellar medidas que contribúen á súa independencia económica e persoal ante o cambio de residencia.   

Entrega de informes

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, pola súa banda, fixo hoxe entrega ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, do Informe anual 2020 sobre violencia de xénero en Galicia e o informe anexo referido ás violencias sexuais. En 2020 houbo que lamentar o asasinato de tres mulleres, as mesmas que no ano anterior, aínda que para a Xunta a única cifra admisible é cero vítimas e con ese obxectivo traballa.

No ano no que irrompeu a pandemia, a Xunta outorgou axudas económicas a case mil vítimas da violencia de xénero, cerca do 30% máis que en 2019. 

Galicia é a única Comunidade que conta cun apoio mensual de ata 800 euros para a independencia económica das vítimas, que en 2020 chegou a 639 mulleres. As axudas de pago único para mulleres con especiais dificultades para obter un emprego case se duplicaron e chegaron a 341 beneficiarias. Outras 11 mulleres recibiron as axudas que garanten a percepción das indemnizacións previstas por sentencia xudicial e outras cinco recaeron en mulleres que resultaron feridas de gravidade por mor das agresións e/ou nos fillos e fillar orfos por mor desta lacra.

A Xunta pon a dispor das vítimas, ademais, recursos complementarios para a inserción laboral, a atención psicolóxica e o asesoramento xurídico.

O pasado ano baixaron o número de denuncias por violencia de xénero. Segundo os datos do Consejo General del Poder Judicial (CGPJ) pasaron das 5.023 de 2019 ás 4.653 no ano 20, un 7,3%  menos. As medidas de protección comunicadas polos xulgados (cautelares e ordes de protección e afastamento) diminuíron tamén ao pasar das 1.539 de 2019 ás 1.131 no período. O Goberno galego permanece vixilante ante a evolución de ambos os dous parámetros este 2021.