O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha xuntanza co alcalde da Baña, José Antonio Pereira, para abordar a exclusión financeira á que está sometida o municipio tralo peche da súa oficina bancaria.
“A Xunta está liquidando o rural ao permitir unha mutilación financeira que deixa outro concello sen oficina bancaria”, alertou o máximo dirixente das e dos socialistas galegos ao sinalar o exemplo da Baña como “palmario e significativo” da política de Feijóo con respecto á Galicia interior.
Neste sentido, Gonzalo Caballero lamentou que o goberno de Feijóo faga “unha diferenciación de dereitos e posibilidades entre os galegos que viven no rural fronte aos que viven nos escenarios urbanos” e reivindicou a defensa da “igualdade de oportunidades para as persoas que viven na Galicia interior e rural”. “Todos temos que ter os mesmos dereitos”, subliñou.
Ao fío disto, o líder do PSdeG lembrou que Feijóo prometeu que a lexislatura anterior sería “a lexislatura do rural”; pero, en realidade, atopámonos cun “presidente ausente” que “non dá respostas” á veciñanza.
Neste escenario, o responsable do PSdeG requiriu á Xunta que tome medidas para “que se reverta o peche de oficinas bancarias” nos concellos do rural, a fin de que todos os galegos “teñan os mesmos dereitos e posibilidades de futuro” independentemente de onde vivan.
“Cómpre un goberno que apoie ao rural en ámbitos como os servizos públicos, as infraestruturas, a xeración de emprego ou o equilibrio medio ambiental buscando novas formas enerxéticas, pero dando garantías” ao rural, sentenciou.
A BAÑA TEN UN “GOBERNO DE EXCEPCIÓN”
Por último, o dirixente socialista puxo en valor o “magnífico traballo” que fai o goberno municipal progresista da Baña, encabezado por José Antonio Pereira, que “dedica todo o seu esforzo e tempo” nunha “magnífica xestión”. “A Baña conta cun goberno de excepción que está traballando polos veciños e veciñas fronte ao abandono da Xunta”, incidiu.
Este exemplo amosa, concluíu, que “os socialistas alí onde gobernamos amosamos que temos a mellor capacidade de facer as mellores políticas municipais”.
JOSÉ ANTONIO PEREIRA: “QUEREMOS QUE A XENTE VIVA CON SERVIZOS”
Pola súa banda, o alcalde da Baña, José Antonio Pereira, censurou “o castigo que nos están facendo aos concellos do rural co peche definitivo da sucursal” bancaria, porque isto “obríganos a todos e todas a desprazarnos aos concellos limítrofes” para realizar operacións no banco.
“Estamos cansados de que Feijóo fale da lexislatura do rural cando nos encontramos agora con que no concello queren instalar máis de sete parques eólicos”, lamentou. “Empezamos a estar fartos de que se abuse do rural”, sentenciou. “Queremos vivir tranquilos”, concluíu, e “que a xente viva con servizos”.