A comarca do Ribeiro estrea vestiarios e bancadas nos campos de fútbol de Arnoia e Cortegada grazas ás obras da Xunta

Os novos vestiarios do campo de Arnoia contaron cun investimento de 48.379,96 euros (achegando a Xunta o 80%) e as bancadas do campo de Cortegada supuxeron un importe de 48.000 euros (sendo o 62,5% finaciado polo goberno galego)

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acudiu na mañá de hoxe aos concellos da comarca do Ribeiro, Arnoia e Cortegada, onde visitou os campos de fútbol da Queixeira e da Lomba – Sumi Cortés, onde a Xunta vén de levar a cabo dúas actuacións de reforma dos vestiarios e de instalación de bancadas, respectivamente. En cadansúa visita estivo acompañado polos alcaldes de Arnoia, Rodrigo Aparicio, e de Cortegada, Avelino Luis de Francisco.
No caso do municipio arnoiés, o goberno autonómico e o local, veñen de sufragar a reforma dos vestiarios cun investimento de 48.379,96 euros sufragados ao 80% pola Xunta (38.703,87 euos) e o restante 20% por parte do concello (9.678,99 euros). A reforma dos vestiarios suporá a modernización do campo de fútbol de Arnoia que xa contou con melloras no ano 2017 por importe de 10.000 euros sufragados integramente pola Xunta e con actuacións de iluminación por importe doutros 10.000 euros no ano 2020, achegando a Xunta o 80% (8.000 euros).
No caso do Concello de Cortegada, a Xunta de Galicia e o Goberno municipal, veñen de intervir na instalación de bancadas do campo da Lomba – Sumi Cortés por importe de 48.000 euros -30.000 euros por parte da Xunta, o 62,5%, e 18.000 euros por parte do concello, o 37,5%-. Máis polo miúdo trátase dunha grada construída por catro módulos elaborados con aluminio extruido e con tres fiadas de asentos. Cada módulo terá unha capacidade de 62 persoas, polo que aforo total da grada será de 248 persoas. Os dous módulos centrais cubriranse, polo que o aforo cuberto será de 122 persoas.
A Secretaría Xeral para o Deporte afianza así o seu compromiso coas infraestruturas deportivas. Dos 32.474.216 euros cos que conta en 2021 (un 28,5% máis que en 2020), 9,15 millóns serán destinados a obras de creación e reforma de infraestrutura deportiva, un 118% máis que en 2020 cando se destinou ao mesmo obxecto 4,2 millóns de euros.

AVANTAR ACTIVIDADES