Comunicado do Psdeg-Psoe provincial de ourense polo falecemento de Rafael Pérez Martínez, ex alcalde socialista de Muíños

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Ourense, 18 de decembro de 2024. O PSdeG-PSOE de Ourense amosa a súa “profunda” dor tras coñecerse o falecemento de Rafael Pérez Martínez, alcalde de Muíños entre 1983 e 1995, primeiro concelleiro socialista da corporación municipal e primeiro deputado provincial da historia do PSdeG-PSOE de Ourense. Tito, como cariñosamente era coñecido, tamén formou parte da anterior Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Dende o PSOE Provincial destacan o “compromiso” de Tito con Muíños e co Partido Socialista, onde foi o primeiro concelleiro socialista da anovada democracia. “Fóisenos un militante exemplar e unha excelente persoa sempre entregada ao partido e ao benestar da veciñanza”, lamentan as e os socialistas.

“Acabamos de ser privados da súa amable compaña, mais quédanos a memoria, e permanece para sempre o legado do seu traballo e compromiso políticos, que lle causaron non poucos problemas e conflitos no eido laboral e persoal, pero que non conseguiron minguar súa bondade, nin a implicación coa defensa da socialdemocracia que caracterizou súa vida”, destacan dende o PSdeG-PSOE Provincial de Ourense.

Rafael Pérez Martínez será velado no tanatorio das Burgas ata as 12:00 horas de mañá xoves, 19 de decembro, procedéndose logo a súa incineración na intimidade familiar. O venres, 20 de decembro, a partires das 10 da mañá, velaranse as súas cinzas na Casa da Cultura do Concello de Muíños, celebrándose ás 16:00 horas dese día un funeral na igrexa parroquial de San Pedro de Muíños.

Dende o PSdeG-PSOE Provincial de Ourense trasladan a súa dona, as súas fillas, irmán, irmás, así como o resto de familiares, amizades e militantes socialistas de Muíños e arredores a fonda pesar das e dos socialistas da provincia neste duro transo de perda e dor.