Emilio González subliña a importancia da formación especializada en violencia de xénero para mellorar a atención das vítimas

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, destacou a importancia da formación especializada en violencia de xénero para favorecer a mellora da prestación dos servizos de seguridade e de protección ás mulleres e menores vítimas da violencia machista.

Publicidade

Así o sinalou durante a inauguración da primeira edición das Xornadas Formativas de Violencia sobre a Muller, centradas na intervención policial e protección das vítimas, que tivo lugar no Centro Empresarial Transfronteirizo no concello de Barbadás. Esta iniciativa está impulsada pola Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense.

Durante o acto, Emilio González sinalou que con esta acción formativa “preténdese achegar este tipo de formación ás distintas comarcas da provincia de Ourense, axudando a continuar coa aposta pola especialización dos profesionais que traballades día a día contra esta lacra da sociedade e a favorecer a coordinación e cooperación institucional”.

O subdelegado do Goberno subliñou que “os 371 casos activos na provincia, a data de 1 de outubro, no Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero obrígannos a non baixar a garda e a seguir loitando contra a violencia machista dende todas as institucións”.

As xornadas desenvolveranse durante os meses de outubro e novembro nos concellos de Barbadás, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín, Maceda, Xinzo de Limia e A Pobra de Trives co obxectivo de facilitar a participación do persoal de 91 municipios da provincia.

Esta formación presencial está impartida por axentes do Equipo Muller-Menor da Policía Xudicial da Garda Civil de Ourense e diríxese a profesionais que traballan na prevención da violencia de xénero e na protección das vítimas, como son o persoal dos Centros de Información á Muller, traballadores e educadores sociais dos concellos, concelleiros de Servizos Sociais, así como membros da Garda Civil e das distintas policías locais.

PROGRAMACIÓN DE ACTOS CON MOTIVO DO DÍA 25N

As xornadas formativas están incluídas dentro da programación de actos que a Subdelegación do Goberno, en colaboración coa Delegación do Goberno en Galicia e co Ministerio de Igualdade, desenvolverá ata o 25 de novembro para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Celebrarase unha xornada formativa para profesionais sobre autorizacións de residencia para mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero, así como unha charla aberta á cidadanía sobre a violencia sobre a muller.

A Subdelegación do Goberno tamén acollerá a lectura de textos de Emilia Pardo Bazán, precursora do feminismo en España, realizada  por alumnado de diversos centros educativos.

O 25N celebrarase a entrega dos Premios Menina, acto institucional organizado pola Delegación do Goberno en Galicia co que se recoñece o labor de organizacións e persoas que destacaron pola súa implicación e compromiso na erradicación da violencia contra a muller.