Ducias de artigos sobre as máis diversas temáticas conforman ao longo de 250 páxinas o contido da revista Argentarium, que edita o Centro de Estudios Chamoso Lamas e cuxo número especial está dedicado ao 25 aniversario da entidade cultural carballiñesa.
A presentación pública terá lugar este venres, 8 de outubro, ás 20,30 h., no salón de plenos do concello do Carballiño.
A revista presenta 20 artigos dedicada ao desaparecido investigador e profesor do Irixo Elixio Villaverde García, algúns deles con temáticas tan suxestivas como o coñecemento da escultura urbana do Carballiño, o urbanismo e actividade empresarial ou o importantísimo achado por parte de membros do C. E. Chamoso Lamas de restos do primitivo mosteiro de Melón na localidade de Barcia (Melón), xunto cun repaso da actividade do grupo ó longo do cuarto de século de existencia.
A revista publícase cun certo retraso motivado por diversas circunstancias que impediron facelo antes. O máis positivo é que xa está ao dispor dos lectores e vén amosar, de novo, a capacidade dos integrantes do colectivo e doutros colaboradores por sacar adiante traballos dun importante valor científico e dun rigor e esforzo investigador que serven para pór en valor a nosa realidade presente e o noso rico pasado.