O Concello do Carballiño realizará unha charla sobre a nova tarifa eléctrica

O Concello do Carballiño ten previstas unha serie de actuacións en relación á nova tarifa eléctrica e á suba do prezo da mesma que comezarán o xoves, 28 de outubro, ás 20h na Casa da Cultura do Carballiño e habilita o seguinte enderezo electrónico para que a veciñanza se anote, oixcultura@carballino.gal. Neste caso ,trátase dunha actividade impartida polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), que está a realizar unha campaña informativa, de apoio e asesoramento á cidadanía galega sobre a nova tarifa eléctrica implantada polo Goberno. Dende a entrada en vigor da nova normativa, o organismo atendeu máis de 1200 consultas relacionadas coa factura da luz.

Publicidade


O IGCC creou contidos dixitais na súa web e elaborou folletos informativos con consellos e orientacións para aforrar na factura da luz, tendo en conta os tres períodos horarios que contempla a nova tarifa –val, chairo e punta–.Co ánimo de achegar esta información ás persoas consumidoras, a campaña inclúe unha serie de xornadas informativas para resolver dúbidas tanto de maneira presencial como online –a través da aula virtual do IGCC–. Ata o de agora, leváronse a cabo unha vintena destes talleres e están programados outros dez para as vindeiras semanas en diferentes concellos galegos.

O IGCC, ademais das súas oficinas repartidas polas sete grandes cidades de Galicia ás cales se pode asistir mediante o sistema de cita previa, conta cun servizo telefónico gratuíto a través do número 900 23 11 23, que funciona de 9 a 14 horas de luns a venres. Os consumidores tamén poden enviar as súas dúbidas por correo electrónico ou a través dun formulario que atoparán na web do organismo.