O Subdelegado destaca que o goberno distribúe 485 toneladas de comida na provincia de ourense

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, desprazouse esta mañá ao centro de almacenamento e distribución da Cruz Vermella Ourense situado no Polígono de San Cibrao das Viñas para supervisar o desenvolvemento da segunda fase do Programa 2021 de Axuda Alimentaria ás persoas máis desfavorecidas.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Na visita estivo acompañado polo presidente provincial de Cruz Vermella Ourense, Felipe Ferreiro, e  polo técnico responsable do programa, Diego Conde, así como pola responsable da Unidade de Administración Territorial da Subdelegación do Goberno, Mercedes Lage.

O subdelegado do Goberno fixo balance do programa posto en marcha polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a través do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) durante o ano 2021, que supuxo o reparto de 485,5 toneladas de alimentos na provincia a través da Cruz Vermella, do Banco de Alimentos e das organizacións colaboradoras.

O programa desenvólvese en dúas fases, unha que se levou a cabo nos meses de maio e xuño e outra que se desenvolve no mes de outubro. O subdelegado do Goberno destacou “a importante achega do Goberno, que destinou 401.636 euros para a compra destas cestas de produtos alimenticios de carácter básico na provincia de Ourense”.

Nesta segunda fase farase chegar axuda alimentaria a 9.341 beneficiarios ourensáns aos que se distribuirán un total de 301.028 quilos de alimentos cun valor de 279.388 euros. Na primeira fase entregáronse 184.488 quilos de alimentos cun valor de 122.248 euros a 10.021 beneficiarios.

Cruz Vermella e o Banco de Alimentos son os dous centros de distribución na provincia e contan coa colaboración de 120 organizacións asociadas de reparto, que son as encargadas de facer chegar directamente os alimentos esenciais a aquelas persoas en situación de vulnerabilidade.

Durante a segunda fase, Cruz Vermella repartirá 150.514 quilos de alimentos a 76 entidades asociadas de reparto para chegar a 4.498 beneficiarios. O Banco de Alimentos distribuirá o mesmo número de quilos de alimentos entre 44 entidades asociadas de reparto para chegar a 4.843 beneficiarios.

O subdelegado do Goberno quixo agradecer á Cruz Vermella e ao Banco de Alimentos “o seu papel como centros de almacenamento e distribución, esencial para este programa”, así como “o traballo inestimable das organizacións de reparto e dos seus voluntarios e voluntarias ”.

Os produtos que se distribúen nesta segunda fase son de carácter básico, pouco perecedoiros e de fácil transporte e almacenamento. A cesta de alimentos enviada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación inclúe: aceite de oliva, leite enteiro UHT, arroz branco, garavanzos cocidos, atún en conserva, pasta alimenticia, tomate frito, galletas, macedonia de verduras, cacao soluble e tarriños infantís de froita e polo.