A Xunta promove con esta iniciativa a cociña autóctona e sostible entre turistas e peregrinos co obxectivo de promocionar os produtos e a gastronomía da comunidade
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta tarde en Ourense no programa Écociña no Camiño e achegouse primeiro a Seixalvo, na Vía da Prata, e logo ata a Praza de Abastos onde se ofreceron degustacións de balde coa denominada Prazaneta. En colaboración con Aceites Abril e Estrella Galicia, ofrécense petiscos a peregrinos e a visitantes, co obxectivo de poñer en valor a gastronomía e as prácticas sustentables na hostalería.
Máis dun cento de restaurantes espallados polas diferentes rutas do Camiño están participando nesta campaña impulsada pola Xunta, unha iniciativa á que se sumaron tamén as prazas de abastos coa súa oferta de produtos de proximidade.
A iniciativa coincide coa plena recuperación do Camiño trala pandemia, coa entrega hoxe da Compostela 150.000, superando tres meses antes de rematar o ano os 140.000 peregrinos coa Compostela selada cos que se tiña previsto pechar este 2021.