O complexo turístico do Corgo, en Muíños, acolle a única proba da “Gladiator Race” que se celebra en España en 2021

Máis de 400 participantes procedentes de quince provincias e do norte de Portugal, o 80 % inscritos en grupos, percorrerán un circuíto de 6 quilómetros que porá a proba a súa capacidade de superación para salvar máis de 25 obstáculos do máis diverso tipo 

Publicidade

 O complexo turístico e deportivo do Corgo, no Concello de Muíños, acollerá o 30 de outubro unha nova edición da “Gladiator Race”, a única carreira de obstáculos desta modalidade deportiva que se celebrará en España en 2021 e na que están inscritos máis de 400 participantes procedentes de quince provincias e do norte de Portugal. A proba, froito do convenio entre o Inorde e a Axencia Galega de Turismo, foi presentada esta mañá no Pazo Provincial coa asistencia dos vicepresidentes da Deputación, Rosendo Fernández e Plácido Álvarez, este último en calidade tamén de alcalde de Muíños, e o delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén. 

Na “Gladiator Race”, os deportistas percorrerán un circuíto de 6 quilómetros que porá a proba a súa capacidade de superación, xa que terán que salvar máis de 25 obstáculos reptando, atravesando muros, pirámides, trasladando pesos ou mesmo subindo por unha corda vertical de 4 metros de altura, todo elo mesturado con elementos como auga, xeo, barro ou lume. Ademais, ao longo da carreira tamén deberán esquivar a gladiadores, unhas das caracerísticas singulares desta proba ao incluír actores que farán aínda máis duro o percorrido. 

A “Gladiator Race” conta cun importante número de afeccionados en toda España, o que se reflicte nas 15 provincias de procedencia dos 400 participantes, ademais do norte de Portugal, e no feito de que máis do 80 % dos participantes veñen en grupos. Xunto co nivel de esixencia cómpre destacar o espírito de colaboración dos deportistas, ata o punto de que nun dos equipos figura un corredor que fará o circuíto en cadeira de rodas, axudado polos seus compañeiros. 

Esta é a segunda ocasión na que o complexo turístico e deportivo do Corgo acolle esta proba, que desta volta celebrarase polo día (a anterior foi nocturna), nun dos mellores espazos para este tipo de eventos deportivos polas instalacións, variedade de aloxamentos e servizos que ofrece aos participantes e acompañantes.