A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta desmontou hoxe as “trampas”nos datos do paro

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Así, a parlamentaria do PSdeG puxo en evidencia que a Xunta decidiu “de maneira unilateral” o pasado mes de xaneiro non continuar coa renovación automática da demanda que se aplicaba dende mediados de marzo de 2020 en todas as comunidades autónomas por mor da pandemia.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Por este motivo, “nos seis primeiros do ano foron dadas de baixa en total 88.514 persoas demandantes”, o que lle permitiu á Xunta “conseguir uns aparentes bos resultados con mentiras e vantaxismo”. A parlamentaria do PSdeG sinalou a realidade é que “os demandantes de emprego en Galicia temeron acudir ás oficinas de emprego e que a medida da Xunta acabou expulsando das listas do paro a moitos deles, pero non porque atoparan traballo”.

Esta situación mudou no mes de setembro cando xa todas as comunidades, agás Cantabria e a Comunidade Valenciana, eliminaran a renovación automática. Neste escenario, “é cando Galicia se sitúa entre as cinco autonomías nas que sube o paro nun mes de caída récord en España” e cando “aumentan as demandas de non ocupados nun 1,3% fronte a diminución media do Estado nun 2,4%”. En consecuencia, cando todas as comunidades están nunha situación similar, os resultados de Galicia “son dos peores de España”.

Por iso, Carmen Rodríguez Dacosta acusou á directora xeral de Formación e Colocación de mentir, un feito que cualificou de “moi grave” e ante o que, “se aínda lle queda un mínimo de dignidade, debería abandonar as súas responsabilidades políticas”.

Na súa análise, Carmen Rodríguez Dacosta revelou o diferentes que terían sido os datos  de desemprego en Galicia se non se estivesen a producir esas baixas por non renovación. En xaneiro foron 18.208, en febreiro 18.186, en marzo 5.734, en abril 29.201 en maio 9.713 e en xuño 7.472. Así, só por un exemplo, se se eliminan as baixas por non renovación, no mes de xaneiro as demandas de non ocupados aumentarían un 6,6% en relación co mes anterior, fronte a unha media de incremento no Estado do 3,6%. Por contra, ese mes, como nos seguintes, a Xunta falou de baixada do paro.

Esta circunstancia non só supón unha trampa para falsear os datos de paro senón que ademais penaliza aos afectados, xa que perden a antigüidade da inscrición na Oficina de Emprego. Ao fío disto, Carmen Rodríguez Dacosta reclamoulle ao goberno galego que consulte cos afectados pola non renovación -e que non estean na actualidade de alta- a súa vontade dunha nova inscrición manténdolles a antigüidade que tiñan no momento de darlles de baixa.

Tamén lle esixiu á Xunta que lles recupere a antigüidade que tiñan no momento de darlles de baixa a aqueles que volveron a inscribirse no Servizo Público de Emprego de Galicia. Así mesmo, tamén insta a solicitarlle ao SEPE a actualización das estatísticas de emprego nas que se reflexara as baixas por non renovación destas demandas.

En paralelo, Carmen Rodríguez Dacosta solicitoulle á Xunta de Galicia unha mellor dotación de recursos humanos e materiais do Servizo Público de Emprego de Galicia. O obxectivo é que o Servizo Público de Emprego de Galicia chegue a tramitar nos próximos seis meses as mesmas ofertas que a media estatal e que no próximo ano se sitúe entre a media das cinco comunidades que teñen un maior volume de ofertas en relación coas colocacións.

De maneira complementaria, o PSdeG reclamou un impulso para as políticas activas de emprego, necesarias para acabar coas altas cifras de paro -especialmente de  mulleres, mozos e parados de longa duración- e coa precariedade que, “de maneira estrutural, reina no noso mercado laboral”. Nesta liña, Carmen Rodríguez Dacosta avogou por incentivar a contratación indefinida e os contratos de remuda indefinidos, así como un plan de apoio ás persoas traballadoras autónomas .

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------