O BNG urxe o goberno da Merca a reparar os danos na escaleira e no muro do adro da igrexa da Mezquita

    • As nacionalistas presentarán no pleno unha moción solicitando que determinados eventos culturais e deportivos de carácter anual se celebren en parroquias distintas cada ano.

O BNG da Merca pide ao goberno local que atalle os riscos para a seguridade das persoas e as dificultades de mobilidade que provoca o mal estado da escaleira de acceso á igrexa parroquial da Mezquita e tamén o muro que pecha o adro.

As nacionalistas rexistraron unha solicitude para que “se sinalice e protexa a zona onde existen danos no muro de pedra a na escaleira” e que se demande das administracións competentes “que poñan solución a un problema que se vén arrastrando dende hai anos e que se pode agrandar coa chegada do inverno e das choivas, que poden provocar o derrubamento de parte do recinto, podendo afectar isto a elementos que actualmente conta con protección polo seu valor histórico, pero sobre todo, para non comprometer a seguridade da veciñanza e visitantes”.

Publicidade Premer na Imaxe

O BNG urxe ao goberno local a actuar e lembra que a igrexa da Mezquita ten a consideración de Ben de Interese Cultural desde o ano 1931.

A OPORTUNIDADE DAS ANDAINAS

Por outra banda, as nacionalistas levarán ao pleno unha moción na que piden que se varíe, cada ano, os escenarios das andainas que organiza o Concello da Merca para promocionar así todas as parroquias. Considera o BNG que “dende o ano 2010 todas as andainas tiveron o mesmo percorrido, pasando polas mesmas aldeas e os mesmos puntos de interese, deixando o resto de parroquias sen promoción”, polo que é preciso que a partir do 2022, organizar cada ano “a saída da andaina dende un núcleo dunha parroquia diferente, tendo en doce anos saída das andainas dende todas as parroquias do Concello”.

Teresa Garrido, concelleira do BNG na corporación municipal, defenderá así mesmo que o goberno local “colabore con aquelas entidades que teñan relación coas distintas parroquias, apoiando aqueles eventos deportivos e culturais que organicen, así como coa cesión de espazos de titularidade municipal para a realización de eventos que promocionen as nosas aldeas”.